Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Especialistas de prestixio internacional debaten sobre as bibliotecas na era dixital

A Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia acolle a xornada inaugural do encontro internacional Pasado, presente e futuro das Bibliotecas, no que un grupo de prestixiosos intelectuais e escritores reflexionará ata mañá sobre o sentido e a función das bibliotecas na era dixital. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegura que este encontro “servirá para repasar a historia da humanidade a través das bibliotecas e intentará despexar moitas das incógnitas do seu presente e futuro”. Asemade, o conselleiro afirma que este evento “prestará unha gran axuda para o despegue internacional da Biblioteca de Galicia”.

Ante este seminario internacional, Roberto Varela sinala á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia como “a mostra máis evidente da nosa aposta e o noso compromiso coas bibliotecas” e asegura que o edificio do Gaiás está “concibido para reunir, conservar e difundir o rico patrimonio bibliográfico do noso país, ao mesmo tempo que será a mellor representante de Galicia nas relacións coas bibliotecas de todo o mundo”.

O conselleiro apunta que “cómpre que sexamos capaces de afrontar entre todos a renovación e reformulación ás que nos obrigan as novas tecnoloxías xa que estas están a cambiar por completo a nosa forma de ver o mundo e de interactuar con el”. Ao fío da temática do encontro internacional, Roberto Varela amosa a implicación da Xunta de Galicia na “dixitalización de contidos na que estamos a traballar”.

Biblioteca e Literatura

A primeira xornada do encontro internacional ‘Pasado, presente e futuro das Bibliotecas’ comezou a súa actividade lectiva a través da mesa redonda que versou sobre A identidade galega e as Bibliotecas, na que debateron o historiador e profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Barreiro, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e o escritor e Premio Nacional de Literatura, Alfredo Conde. Na sesión deste serán, o pensador italiano e Premio Príncipe de Asturias, Claudio Magris e o poeta e ex ministro de Cultura César Antonio Molina compartiron opinións na mesa redonda Biblioteca e Literatura.

Na súa intervención, o escritor italiano presentou esta tarde as bibliotecas como “espellos da humanidade”. Magris, que recorreu o complexo do Gaiás confesou estar “profundamente impresionado” pola beleza do poxecto deseñado por Peter Eisenman e particularmente pola Biblioteca de Galicia .Claudio Magris repasou os diferentes modelos de bibliotecas que os grandes mestres da literatura albiscaron nas súas obras lembrando, entre outras, a biblioteca que aparece en El Quijote e a súa metáfora do poder que os libros exercen sobre o home. “A forza do libro queda perfectamente reflectida en El Quijote”, asegurou o escritor italiano.

Magris presentou as bibliotecas como espazos “vivos onde se atopa o tesouro do saber e onde o ser humano poder saír de si mesmo para coñecer a outros que sempre son máis interesantes”. A crítica literaria Mercedes Monmany, acompañou a Claudio Magris e a César Antonio Molina na mesa de debate e asegurou que “unha maravilla como a Cidade da Cultura” representa “o mais innovador que se está a facer en España no campo da arte e da cultura”.

Relevo internacional

O pensador italiano e Premio Príncipe de Asturias Claudio Magris, o poeta e ex ministro de Cultura César Antonio Molina, o Premio Cervantes e actual Embaixador da República Chilena en París, Jorge Edwards, a crítica literaria Mercedes Monmany, serán algúns dos convidados, xunto aos prestixiosos especialistas nas novas tecnoloxías da comunicación como Román Gubern, profesor Emérito da Universidade Autónoma de Barcelona, ou Derrick de Kerckhove. Director do McLuhan Program in Culture and Technology da Universidade de Toronto.

A intelectualidade galega estará representada por Xosé Ramón Barreiro, historiador e ex presidente da Real Academia Galega, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, a novelista e profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega ou o tamén escritor e Premio Nacional de Literatura Alfredo Conde, así como Daniel Buján, subdirector xeral da Biblioteca de Galicia.

Para o responsable científico do encontro, José María Paz Gago, trátase de repensar o papel cultural e social das bibliotecas antigas e modernas desde o momento presente, os albores do terceiro milenio. Os novos medios e soportes comunicativos replantexan a relación entre o lector e o libro, sexa como texto impreso ou como texto dixital, esixindo unha reformulación da lectura e dos seus espazos, reais ou virtuais- que será abordada sen complexos neste importante encontro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia