Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ofrenda floral en homenaxe a Blanco Amor, unha das pezas claves na dignificación do galego

“Blanco Amor é unha peza clave na recuperación do galego e na súa dignificación. Pero é, ademais, un facho no que seguen prendendo as súas ansias de escrita os novos escritores e unha porta grande de chegada á lingua galega para miles de lectores”. Así se expresou o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo durante a ofrenda floral que tivo lugar en recordo do autor de "A Esmorga", no día en que se cumpren 31 anos do seu pasamento.

“Estes días –proseguiu Anxo Lorenzo–, nos que tamén levamos falado con emoción doutro persoeiro da cultura galega que nos acaba de deixar, Don Francisco Fernández del Riego, temos destacado moito a importancia e a sorte de contarmos con figuras senlleiras que puxeron as nosas palabras e a nosa literatura no alto do podio, pero que ademais exerceron ao longo da súa vida a xenerosidade de alentar os proxectos doutros, de compartir proxectos colectivos, de actuar con responsabilidade na tarefa da escrita, para dignificar e difundir a nosa lingua en momentos non sempre fáciles”.

Ao fío disto, o responsable de Política Lingüística asegurou que “a descuberta do galego, a concepción da nosa lingua como ferramenta de traballo, coa que se constrúe, na que se traballa, que se labra e que se aprende permanentemente, como lingua que acolle en calquera momento do noso periplo vital, é un exemplo que nos deixaron os persoeiros que estes días celebramos que formen parte da nosa comunidade humana”.

Anxo Lorenzo tamén aproveitou a ocasión para recordar que “as institucións implicadas seguimos ao coidado da versión en inglés de "A Esmorga", a obra máis universal do escritor ourensán. O secretario xeral afirmou que a tradución está rematada e que se está a xestionar a súa publicación.

Creación dun seminario de dinamización lingüística na honra de Blanco Amor
Por outra banda, o responsable de Política Lingüística anunciou a creación en Ourense dun seminario permanente para a dinamización lingüística que levará o nome de Eduardo Blanco Amor. A iniciativa, que se realizará en colaboración coa Deputación de Ourense, ten como obxectivo “facer prender nos máis novos o amor polo galego e a reflexión sobre a necesidade de usalo e de coidalo nesta Galicia do século XX”, concluíu Anxo Lorenzo.

No ofrenda floral, que tivo lugar no cemiterio de San Francisco de Ourense participaron, xunto con Anxo Lorenzo, o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; a concelleira de Cultura de Ourense, Isabel Pérez; e o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia