Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Cultura lamenta o pasamento de Marcos Valcárcel considerado un dos mellores historiadores das últimas décadas

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela trasladou esta mañá, no nome do Goberno galego, o profundo pesar pola morte do historiador ourensán, Marcos Valcárcel. O especialista no estudo da Xeración Nós e profesor do instituto de A Carballeira levaba dous anos afectado por unha enfermidade dexenerativa que rematou coa súa vida o sábado 5 de decembro no seu domicilio de Ourense.

Roberto Varela expresou, no nome do Executivo galego, as condolencias á familia de Marcos Valcárcel “pola irreparable perda que sufriron”. Así mesmo, o conselleiro de Cultura asegurou que, ante a marcha do historiador ourensán, “a cultura galega, na que Marcos tiña unha gran fe, tamén está de loito”.

O responsable de Cultura destacou a figura de Marcos Valcárcel como “un dos mellores historiadores das últimas décadas, un home de grandes coñecementos e un digno herdeiro da Xeración Nós e dos intelectuais ourensáns aos que dedicou boa parte da súa obra”.

En verbas de Roberto Varela “a mellor homenaxe que lle podemos facer a un historiador que sempre reivindicou o seu labor docente é non deixar nunca de estudar a infinita riqueza da cultura de Galicia e o legado dos grandes persoeiros da nosa terra, entre os que Marcos Valcárcel xa se atopa por dereito propio”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia