Máis de 10.000 visitantes elixiron Megaxove como a mellor alternativa para toda a familia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/megaxove.jpg)
Megaxove mantén o número de visitantes e aumenta o de participantes activos. Máis de 3.300 rapaces de toda Galicia, Norte de Portugal e Castela León desprazáronse ata Expourense para participar nalgún dos distintos torneos e concursos celebrados ó longo da ponte festiva. De feito, o salón foi o lugar elixido por numerosas asociacións e federacións deportivas para realizar probas. Entre todas elas destaca a Fundación Cipri Gómez que desprazou a máis de 900 nenos e nenas de toda Galicia para realizar exhibicións de distintas disciplinas como o karate, o kickboxing ou o aerobic.
O Salón da Xuventude converteuse no punto de encontro da mocidade galega e tamén das súas familias xa que foron moitos os rapaces que acudiron ata o salón acompañados polos seus pais ou avós conseguindo tamén a participación activa dos maiores en actividades como os xogos tradicionais, o futbol chapa ou o scalextric ou o bebechán, entre outras. Destacou nesta edición a visita de nenos cada vez máis pequenos, bebés e de preescolar, que puideron gozar cos hinchables reservados para eles (de 1 a 3 anos), coa pesca de patos nunha piscina ou cun cofre ateigado de xoguetes e bonecos.
O Parque Infantil de Tráfico, coa súa pista de educación viaria e os karts, volveu repretir como unha das actividades favoritas dos rapaces de entre 8 e 12 anos. En total, pasaron por el máis de 1.500 durante os cinco días e os responsables destacan o importante aumento de nenas que se animaron a probar os karts, cando ata esta edición eran maioría masculina. O tiro con arco, con máis de 1.000 participantes, foi outra das actividades máis solicitadas, o que ven demostrar que megaxove é o lugar ideal para promocionar e dar a coñecer os deportes minoritarios.
Entre os concursos que se realizaron en Megaxove destaca o de Karaoke organizado pola Fundación Amigos de la Barrera no que participaron máis de 300 persoas con idades comprendidas entre os 16 meses do máis pequeño que se animou a cantar ata os 65 da maior. Entre as cancións elegidas polos rapaces gañaron, por maioría, os dous himnos do Mundial de Futbol: o “Waka-waka” de Shakira e o “Waving Flag” de David Bisbal, aínda que tampouco faltou a banda sonora de “Bob Esponja” ou as cancións infantís de sempre como “Susanita tiene un ratón”
Os obradoiros de traballos manuais da Cruz Vermella e a ludoteca da Asociación Xuvenil Amencer foron outros dos puntos que maior actividade concentraron durante os cinco días.
XI Cross Megaxove
Organizado polo Clube de Atletismo Academia Postal, a undécima edición do Cross Megaxove, que se celebrou hoxe en Expourense, mantivo a cifra máxima de participantes, chegando ós 650 participantes con idades comprendidas entre os 15 meses do máis pequeno ata os 70 anos do máis veterano. A novidade desta edición foi a utilización do “champion chip” para cronometrar as carreiras.
A pesar de que houbo atletas que participaban de xeito independente, a meirande parte deles participaron a través dos seus clubes de Atletismo. O Academia Postal de Ourense, o A Gándara de Monforte, o ADAS Proinor do Barco de Valdeorras, o ADAS de Xinzo de Limia, o Ben Cho Sei do Pereiro de Aguiar, e o Pavillón Ourense foron os clubes que achegaron maior número de participantes, aínda que tamén houbo participantes de clubes de Ferrol, A Baña ou Tui. Os resultados deste XI Cross Megaxove poden consultarse ó completo na páxina web www.ourenseatletismo.com ou en www.championchipnorte.com
A xornada de hoxe estivo marcada ademais pola celebración da novena edición do Torneo Megaxove de Xadrez organizado polo Clube Xadrez Ourense co apoio da Federación Galega de Xadrez e que contou coa participación de máis de 80 rapaces e rapazas procedentes na súa meirande parte das provincia de Ourense e Pontevedra. Entre as actividades que tiveron lugar nesta cornada de clausura destaca o torneo de de futbol sala, de ximnasia rítmica e de wushu.
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/megaxove_2.jpg)
Rematan así cinco días nos que se desenvolveu un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros. Co 11º Salón da Xuventude, Expourense remata o calendario feiral do 2010. A vindeira cita terá lugar xa no 2011 e será do 2 ó 6 de febreiro coa celebración da 12ª edición de Xantar, Salón Galego de Gastronomía e Turismo.
Silvia Pardo (coordinadora de Comunicación de Expourense)