O 35% dos galegos din sentir desconfianza cara os inmigrantes, según o Barómetro da Inmigración

Para a elaboración do Barómetro realizáronse 1.409 entrevistas telefónicas e presenciais a cidadáns galegos e estranxeiros maiores de 18 anos, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, das que 802 se efectuaron a nativos e 607 a estranxeiros; polo que a información achegada facilita unha interesante perspectiva de auto e mutua percepción.
No Barómetro se recolle a opinión da sociedade no seu conxunto, dos galegos e das persoas estranxeiras que residen en Galicia, sobre un gran número de cuestións relacionadas co feito inmigratorio. Así, reflíctense opinións e percepcións nunha tripla perspectiva. En primeiro lugar, sobre o trato habitual existente entre os cidadáns nados en Galicia e as persoas inmigrantes; en segundo termo, en relación aos plans de futuro dos inmigrantes para se estableceren definitivamente no territorio galego; e finalmente, sobre se as condicións de vida dos inmigrantes son mellores aquí ca no país de orixe.
Máis tolerancia
Así, case a totalidade de estranxeiros consultados afirma ter un trato habitual con galegos, e o 45% deles din que a súa relación mellorou nos últimos tempos. Pola súa banda, o 59% dos cidadáns nativos di tratar decote con inmigrantes, fundamentalmente no seu cen¬tro de traballo. Ademais, un 73% dos inmigrantes ten no seu círculo de amigos máis próximo a un cidadán nativo, en tanto máis da metade dos galegos (un 51%) ten a un estranxeiro entre os seus amigos de máis preto.
Un 51% dos autóctonos afirma ser tolerante cos inmigrantes, mentres só o 25% destes o percibe realmente. Un 57% dos galegos consideran que os inmigrantes están bastante ou moi integrados, pero entre os inmigrantes esa porcentaxe baixa, vese bastante ou moi integrado o 47%, e outra porcentaxe exactamente similar (47%) cre que o está pouco.
Por outra banda, a maioría dos enquisados coinciden en que o colectivo de inmigrantes iberoamericanos é o que conta con maiores facilidades para a integración. Así o cre o 90% dos galegos e o 67% dos estranxeiros. Ambos grupos sitúan, despois, os inmigrantes chegados de Europa do Leste, e xa en terceiro lugar os africanos.
Mellora na calidade de vida
Outro dos datos interesantes do Barómetro é que case a metade (47%) dos inmigrantes afirma que nos últimos anos as súas condicións de vida en Galicia melloraron. Especialmente salientable é o dato de que existe unha sobreavaliación da presenza de inmigrantes na Comunidade Autónoma, posto que o 69% dos nativos e o 71% dos propios estranxeiros cren que en Galicia reside máis dun 10% de inmigrantes, cando a realidade indica que non chegan ao 5%.
Canto ás condicións legais para esa convivencia, o 63% dos galegos e o 58% dos estranxeiros vincularían o permiso de entrada de novos inmigran¬tes a que teñan asegurado un posto de traballo. En materia de regularización dos foráneos xa residentes, o 61% dos estranxeiros consultados opina que este proceso sería positivo teñan ou non traballo, pero o 52% dos autóctonos condicionan a regu¬larización a que o inmigrante estea empregado arestora.
Outros resultados indican que o 19% dos estranxeiros e o 20% dos galegos afirma que as mulleres inmigrantes padecen máis violencia doméstica cás nativas. E o Barómetro indica finalmente que máis da metade dos galegos -o 55%- ve aos estranxeiros coma máis machistas ca eles mesmos. Canto á integración no ámbito escolar, os nenos estranxeiros non retrasan o normal funcionamento das aulas: así o consideran a práctica totalidade de nativos e inmigrantes enquisados. O 35% dos autóctonos sente desconfianza fronte os inmigrantes, e o 39% dos estranxei¬ros afirma ser tratado con desconfianza.
A ampla maioría dos galegos (64%) e estranxeiros (79%) ven positiva a inmigra¬ción para as economías galega e española.
Análise de evolución
O “Barómetro da Inmigración Galicia 2010”, que está chamado a converterse nun elemento de referencia de gran utilidade para as institucións públicas e privadas que están a traballar no eido migratorio, é o primeiro impulsado dende a actual Administración autonómica.
A elaboración do estudo en anos sucesivos, ademais de permitir a análise da evolución das opinións e percepcións sobre a inmigración en Galicia, tamén posibilitará afondar naquel tipo de consultas que poidan ter máis interese en cada momento, dado o carácter especialmente dinámico e cambiante do feito migratorio.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia