Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Medio Rural indemniza con máis de 8 millóns de euros a agricultores de zonas desfavorecidas galegas

A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), ordenou a transferencia de 8.185.752 euros en materia de indemnizacións compensatorias, correspondentes á campaña 2010, a 6.130 agricultores de zonas desfavorecidas.

As axudas, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, teñen por obxectivo indemnizar aos agricultores que desenvolven a súa actividade en zonas con desvantaxes naturais polos custos adicionais e as perdas de ingresos derivados das dificultades que plantexa a produción agrícola nesas zonas. Preténdese favorecer o uso continuado das terras agrícolas, contribuíndo ao mantemento dunha comunidade rural viable que posibilite a conservación do campo.

Estes pagos, correspondentes a solicitudes presentadas entre o 1 de febreiro e o 14 de maio de 2010, realízanse despois de que o FOGGA fixera os controis administrativos e sobre o terreo establecidos para a comprobación do cumprimento dos compromisos asumidos polos agricultores.

Distribución provincial

A axuda mínima por explotación é de 300 euros e a máxima de 2500 €. Na distribución provincial do importe das axudas pagadas, un 9.34% corresponden á provincia de A Coruña, un 71,85 % á de Lugo, un 11,65% á de Ourense e un 7,16 % á de Pontevedra. Estas axudas están cofinanciadas nun 57,56 % polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER) e o resto a partes iguais pola Comunidade Autónoma, a través do Departamento que dirixe Samuel Juárez, e pola Administración Xeral do Estado.

Axudas directas da PAC

Estes pagos súmanse aos efectuados recentemente e que corresponden a varias axudas directas da Política Agraria Común, coa transferencia, en días pasados, de 69.724.182 euros que beneficiaron a 52.460 gandeiros. Esta cifra, sumada aos 44.236.624 euros pagados no mes de outubro como anticipo, supón un total de 113.960.806 euros que ten recibido o sector como axudas directas á agricultura e á gandería solicitadas neste ano e financiadas polo Fondo Europeo Agrario de Garantía (FEAGA).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia