Recoñecemento aos participantes no Campeonato de España de Kárate
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/karate_san_francisco_jpg.jpg)
Os deportistas do club dos Tilos realizaron un magnífico papel nesta competición. Con idades que van entre os 14 e os 20 anos un total de tres mozos e catro mozas do San Francisco participaron na competición estatal. E non só participaron senon que tiveron un destacado papel. Concretamente Carlos Díaz obtivo unha medalla de bronce en Kata por equipos e Ruth Lorenzo un cuarto posto, despois de disputar a medalla de bronce, en kumite sub-21 de menos de 60 quilos. Ademais segundo nos conta Óscar Lafuente, o adestrador do Club San Francisco Teo, o resto do equipo galego obtivo outros tres bronces e seis cuartos postos máis.
Os membros do club dos Tilos visitaron onte a Casa do Concello. Na recepción institucional recibiron un pequeno agasallo pero o máis importante foi o recoñecemento institucional e o ánimo para “unha disciplina deportiva que non é de masas, polo que o seu traballo ten máis mérito aínda” comentaba o alcalde. Noriega trasladoulle ademais “o orgullo que sentimos polo traballo realizado polo clube todos estes anos”.
O Club San Francisco Teo leva máis de dez anos traballando nesta disciplina e neste momento adestra a máis de 80 persoas de idades comprendidas entre os 3 e os 45 anos.
Cruz Devesa (Departamento de Comunicación do Concello de Teo)