Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta entrega en Meira 21 vivendas de promoción pública

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné Pina, participaron no acto de entrega de 21 vivendas de promoción pública que tivo lugar na Casa da Cultura de Meira.

As vivendas pertencen a unha promoción construída na rúa Avelino Díaz, en Meira, na que a Xunta investiu un montante de 1.751.990 euros, o que conleva un investimento medio por vivenda de 72.999,58 euros.

O réxime de adxudicación de 14 destes pisos é de compravenda, mentres que outros 7 son adxudicados en aluguer. No inmoble quedaron aínda vacantes 3 vivendas, o que significa que se procederá á súa adxudicación a través do rexistro de demandantes unha vez entregadas as 21 que conforman este primeiro lote.

O prezo das vivendas de protección oficial adxudicadas en compra oscila entre os 47.843,54 euros e os 55.940,40 euros, en función da superficie de cada unha e dos ingresos económicos da unidade familiar. O custo do aluguer fíxase en 115,38 euros.

As 24 vivendas das que consta a promoción dispoñen de 3 dormitorios e todas teñen vinculadas unha praza de garaxe e un rocho. Habilitáronse 18 pisos de 82 metros cadrados e 6 de 80,15 metros cadrados.

A delegada territorial subliñou que as vivendas de promoción pública “non son só unha solución para numerosas familias que doutro xeito terían máis complicado o acceso á vivenda, senón que supoñen unha importante contribución para o progreso dos concellos dado que contribúen ao seu desenvolvemento urbanístico e a fixar poboación, especialmente nos municipios pequenos”.

Neste sentido, Arias lembrou que a promoción entregada en Meira inclúe nove locais comerciais, “dos cales 3 corresponden ao concello, en virtude da cesión do terreo, e os outros seis quedan a disposición da iniciativa privada”. Igualmente, restan sete prazas de garaxe que non están vinculadas ás vivendas.

A delegada sinalou que no presente ano entregáronse 156 vivendas en 10 concellos da provincia: Burela, Cervo, Muras, Mondoñedo, Bretoña, Lugo, Vilalba, Friol, Muras e Meira, promocións que suman un investimento de máis de 12,5 millóns de euros.

Así mesmo, están rematadas e próximas a entregar 32 vivendas en Cospeito -nas que se investiron 3,76 millóns de euros- e outras 8 en Monforte de Lemos, no antigo Hotel Comercio, que precisou un orzamento para a súa remodelación de 1,6 millóns de euros.

Por último, Arias detallou que a Xunta inviste na actualidade preto de 20 millóns de euros (19.823.072 euros) na construción de arredor de 230 novas vivendas en Lugo (nas zonas de Mazoi e Garabolos), Ribadeo, Pantón e O Incio,

No acto celebrado hoxe en Meira participaron tamén o alcalde da localidade, Antonio de Dios Alvarez, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Lugo, José María López Vega.
Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo