Presentouse a primeira edición das obras completas de poesía de Manuel Rodríguez López
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/libro_manuel_rodriguez_lope.jpg)
A obra “Manuel Rodríguez López. Poesía Completa”, que conta cun limiar de Darío Xohán Cabana, constitúe a primeira edición das obras completas do poeta. Na súa intervención, Antón Bao manifestou a satisfacción da Área de Cultura da Deputación por “presentar esta publicación dun autor lucense, xa que así estamos contribuíndo a que o seu traballo se visualice, a que a súa labor acabe repercutindo en beneficio da sociedade e da identidade dos lucenses”. Bao considerou que, aínda que todos os poetas son necesarios, “algúns como Manuel Rodríguez López son imprescindibles, e a publicación da súa poesía completa, grazas ao impulso do concello de Paradela e da colaboración da Área de Cultura, permitirá fixar a súa obra, para o coñecemento das xeracións presentes e futuras, dentro do noso sistema literario galego”.
O vicepresidente da Deputación, que nos seus primeiros anos como estudante de Filoloxía en Lugo, coincidiu con Manuel Rodríguez López na pensión que rexentaban os seus sogros, pais de Irene López, explicou que “as conversas con Manuel Rodríguez, nas que me falaba deste país, da súa lingua e da súa cultura, e me remitía aos clásicos gregos e latinos para que comprendera as relacións entre a nosa cultura propia e as culturas universais, marcaron a miña formación e desenvolvemento de xeito definitivo, polo que me sinto moi agradecido por poder contribuír a que esta obra competa vexa a luz”. Deu os parabéns á familia e colaboradores coa obra por “seguir traballando por este poeta, manter viva a súa memoria e facer que esta obra chegue ás nosas mans e ás das xeracións vindeiras”.
Manuel Rodríguez López (Paradela, 1934 – Lugo, 1990) demostrou ao longo da súa vida unha gran preocupación pola cultura galega e polo seu país.Obtivo numerosos premios literarias, entre os que destacan os primeiros premios de poesía Meigas e Trasgos de Sarria nos anos 1976 e 1980, o Premio Xosé Mª Chao Ledo no III Certame Literario de Vilalba, en 1977, o primeiro premio do Certame Literario de Begonte en 1985, e o primeiro premio Nós de Barcelona en 1980, entre outros. Manuel Rodríguez López foi colaborador en medios de comunicación de Galiza, Cataluña e Arxentina. Foi nomeado a título póstumo Fillo Predilecto de Paradela. A casa da cultura de Paradela leva o seu nome, así como o centro cultural do mesmo concello onde naceu.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo