Medio Rural pide consenso político fronte a reforma da Política Agraria Común (PAC)
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/explotacion_ganadera_4.jpg)
O departamento que dirixe Juárez defende unha PAC forte despois do 2013, con suficiente dotación orzamentaria para fortalecer os instrumentos de xestión dos mercados, facendo fincapé nos mecanismos de intervención en caso de baixada dos prezos ao produtor. Para lograr isto é preciso contar co apoio de tódolos grupos políticos galegos.
A posición defendida pola Xunta é froito do acordo alcanzado coas tres organizacións agrarias representativas (Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Comisións Labregas), ambas partes -Administración e organizacións- son coincidentes na necesidade de dotar aos agricultores de maior capacidade negociadora ao longo da cadea alimentaria.
Esta posición conxunta foi plasmada nun documento común acordado no Consello Agrario. Juárez achegou este texto aos diferentes representantes da Cámara para a súa reflexión e coa finalidade de que cada grupo aporte as consideracións que estime oportunas. Na mesma liña, o conselleiro do Medio Rural mostraba a súa disposición a manter as xuntanzas que sexan necesarias para acadar un maior consenso político que reverterá en beneficio do sector agrario e de toda a sociedade galega en xeral. Aínda sendo conscientes, expresaba o conselleiro na carta remitida aos portavoces de que “a posición que se defenda dende Galicia terá que ir evolucionando segundo vaian avanzando os detalles”.
O sector agrario desenvolve un importante papel na realidade socioeconómica de Galicia, sendo un dos principais motores da nosa Comunidade. Polo que a instrumentación dunha política agraria común, entendida como un contrato do rural coa sociedade, debe velar por garantir a renda dos nosos agricultores. Neste senso a comunicación que a Comisión Europea remitiu en novembro ao Consello e ao Parlamento mostraba puntos coincidentes co documento elaborado dende a nosa Comunidade Autónoma.
Parlamento
Esta mesma postura xa foi defendida no pasado mes de novembro polo titular de Medio Rural no Pleno do Parlamento, onde apoiaba a vixencia dos principios que inspiraron á PAC na súa orixe (asegurar o abastecemento de alimentos de calidade, rendas dos agricultores, mellora da produtividade e estabilidade dos mercados), e a incorporación de novos obxectivos como frear o despoboamento do rural e contribuír á conservación do medio ambiente.
Pagos directos
No documento conxunto apóstase pola continuidade dos pagos directos orientándose a incentivar a actividade agraria e a produción de alimentos, esixindo polo tanto que os presupostos teñan isto en conta. Medio Rural considera básica a existencia dun pagamento base máis uns pagos adicionais en función dos servizos que se presta á sociedade. De tódolos xeitos, haberá que esperar aos presupostos lexislativos concretos que fará a Comisión Europea a mediados do 2011, xa que nos detalles estará a clave para avaliar esta reforma.
Prezos do leite
En relación coas declaracións feitas esta mañá polo secretario xeral de Medio Rural do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM), Eduardo Tamarit, sobre a competencia da Xunta no control da situación do sector lácteo, o departamento de Samuel Juárez sorprendese da relación feita polo Secretario entre as inspeccións e o prezo actual do leite, posto que o control e defensa da calidade do produto non está ligado co prezo do mesmo. De feito, a diferenza de prezo que se da en Galicia, Cantabria ou Castela León, en comparación con Asturias ou Andalucía, debese fundamentalmente á estrutura do sector, ao tamaño das explotacións -con cuotas baixas- e alta dispersión xeográfica das mesmas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia