Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Política Agroalimentaria non quere recoñecer os seus erros e, por riba, búrlase dos gandeiros galegos


A metedura de pata da Consellería de Política Agroalimentaria ao non publicar a orde para que os gandeiros e gandeiras de Galiza poidan solicitar cota láctea do Fondo Estatal, cun prazo improrrogable que expira o 15 de outubro posto polo Ministerio de Agricultura, estase convertendo nun cúmulo de despropósitos por parte da Administración.
A Consellería declarou a un diario galego que as denuncias do SLG “carecen de sentido, por canto a orde está convocada e en vigor en Galicia dende que a publicou o Ministerio de Agricultura”. Supoñemos que o novo responsable da Consellería está sendo víctima da súa pouca experiencia no cargo. En todo caso, lembrámoslle a José Antonio Santiso Miramontes que o Real Decreto 347 / 2003 do 21 de marzo, polo que se regula o sistema de xestión da cota láctea, di no seu artigo 30 que a convocatoria e tramitación para a venda de cota do Fondo Estatal lle corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas; algo que recoñeceu a mesma Consellería ao declarar ser “só un organismo tramitador da solicitude de axuda e non o convócante”.[OTO1]
É dicir, que a Consellería ten a obriga de dar a orde en Galiza para abrir o prazo de tramitación coa publicación dunhas bases para poder realizar a solicitude, o establecemento de baremos para concedela ou, en caso de que queira eludir ese traballo, remitíndose á orde ministerial. A pesar de todo, Política Agroalimentaria non fixo nada diso. É máis, en diversas axencias de Extensión Agraria estase informando aos gandeiros galegos de que este ano a Xunta non ofertou a posibilidade de solicitar cota láctea do Fondo Estatal, polo que ninguén o está a facer.
Dende o SLG sabemos que a cota ofertada polo Ministerio de Agricultura na Orde APA 2727 / 2004 de 26 de xullo é de miseria: 7.938 toneladas a 39 céntimos por litro. Nembargantes, esa non é xustificación suficiente como para que Política Agroalimentaria renuncie a ela, sobre todo se temos en conta que Galiza, sendo a comunidade que máis explotacións lácteas ten do Estado –máis do 50%- é, proporcionalmente, a máis deficitaria no reparto dos dereitos de produción (menos dun tercio).
A nova Consellería de Política Agroalimentaria dirixida polo recén nomeado Conselleiro José Antonio Santiso Miramontes, vai cometer unha irresponsabilidade ao privar a algunhas explotacións lácteas galegas de ampliar a súa cota para garantir a súa viabilidade, e demostra así, unha vez máis, a súa máis absoluta incompetencia para traballar en prol dos intereses labregos. En calquera caso, o novo Conselleiro non empeza con bo pé o seu mandato. Nos tempos que corren, co peche de miles de explotacións lácteas cada ano en Galiza, non podemos renunciar a ningunha ampliación de cota por pequena que sexa.
Para o Sindicato Labrego Galego resulta deplorable como a Administración, en troques de recoñecer os seus erros, xogue ao despiste burlándose dos labregos e labregas de Galiza que viven do leite e das organizacións agrarias que, democraticamente, os representan.

Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego