Os buques de baixura beneficiaranse das axudas á paralización definitiva
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/barcos_pesca_amarrados_sol.jpg)
Aínda que non estaban excluídos das axudas de paralización definitiva convencionais, estes buques non podían acceder a elas por non estar incluidos en plans de axuste do esforzo pesqueiro. Co plan integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico Noroeste poderían facelo, de aí que estas axudas convocadas pola Xunta teñan como obxectivo mellorar a xestión das achegas á paralización definitiva dos buques e de permitirlles optar a elas.
Para poder acceder a estas achegas é indispensable que o MARM dea luz verde ao Plan de Xestión Integral da pesca de baixura no caladoiro Cantábrico-Noroeste e que os buques solicitantes estean afectados por este plan. Os interesados poderán consultar o resto dos criterios de selección no Diario Oficial de Galicia de hoxe.
Axudas de paralización convencional
Por outra banda, cabe destacar que a Consellería tamén publicou a convocatoria para 2011 destas axudas para o resto dos buques pesqueiros. A esta destina un importe de 10.651.547 euros. Con esta cantidade e a de baixura a Consellería destina máis de 13.500.000 euros ás axudas de paralización dos buques. Neste caso os criterios de selección están dispoñibles no Diario Oficial de Galicia do 28 de decembro e neles prímanse os buques que estean incluídos en plans de xestión ou recuperación.
O prazo de presentación desta convocatoria e da de baixura será ata o 31 de xaneiro de 2011 e con este tipo de axudas preténdese axeitar a capacidade pesqueira da frota aos recursos mariños, mediante a redución do esforzo pesqueiro. Así Mar busca lograr un equilibrio sustentable que asegure que a pesca siga a ser unha actividade de desenvolvemento económico para a nosa comunidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia