O deputado de Deportes recibe ao pentatleta Cristóbal Rodríguez no Museo do Mar de San Cibrao
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/recepcion_pentatleta.jpg)
Antonio Veiga quixo felicitar polos seus éxitos, froitos dun intenso e duro traballo deportivo, a Cristóbal Rodríguez, quen acudiu á recepción acompañado dos seus pais, que se amosaron igualmente orgullosos do seu fillo deportista por este novo recoñecemento. Veiga destacou que os mariñaos e lucenses deben estar moi orgullosos porque se trata dun exemplo de superación deportiva desde unha idade moi temperá, xa que Cristóbal aínda cumpre en 2011 vinte anos, e é de xustiza recoñecer todo o traballo que ten detrás lograr os éxitos que acadou, polo que se abriu para iso o Museo do Mar tamén como punto de encontro que é de moitas persoas da mariña.
Pola súa banda, tanto Cristóbal Rodríguez como a súa familia agradeceron o xesto da Área de Deportes da Deputación de Lugo, a través do seu delegado Antonio Veiga, para facer esta pequena distinción e recoñecemento. Das mans de Antonio Veiga recibiron un pequeno agasallo e fixeron unha fotografía para o recordo nas dependencias do Museo do Mar de San Cibrao.
Cristóbal Rodríguez foi 17 veces Internacional até agora e é membro do equipo español desde 2006, sendo convocado 26 veces para concentracións internacionais co equipo español. Membro da selección galega de Péntatlon Moderno, foi o primeiro galego con licenza e ficha con Galiza en conquistar un Campionato de España absoluto e o primeiro galego e español en obter unha medalla continental en Dúo Mixto. Ademais, representou a España en 5 Campionatos de Europa, 2 Campionatos do Mundo e 1 Copa do Mundo absoluta. Obtivo tres veces o galardón a Mellor Pentatleta Galego Absoluto e é o actual campión de España absoluto e júnior de Péntatlon Moderno.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo