A Deputación inxecta 850.000 euros en Begonte nun ano
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/convenio_belen_begonte.jpg)
As novas obras que executará o organismo provincial son as seguintes: no Castro, acondicionamento e ensanche do camiño que vai dende a igrexa ó cemiterio, e mellora do o campo da festa (3.000 euros); en Felmil, arranxo do local social da asociación “Santiago de Felmil” (3.000 euros); e obras de mellora na localidade de Cerdeiras (3.000 euros). Estes investimentos súmanse ós realizados durante 2010 que son: 51.000 euros en pequenas actuacións; ós 160.000 euros na conservación das estradas provincias, ós 300.000 euros na implantación da administración electrónica; e os 334.000 euros para a mellora na rede de abastecemento nos núcleos de Begonte e Baamonde.
Esta última iniciativa foi solicitada polo Concello á Xunta e á Deputación ante a imposibilidade de levala a cabo, e logo dos continuos problemas. As tubaxes atópanse moi deterioradas polos anos o que obrigou ás arcas municipais a pagar máis de 50.000 euros anuais en arranxos. Ademais, a presión da auga non é suficiente para realizar tarefas domésticas nalgúns barrios. O organismo provincial puxo a disposición de Begonte unha partida económica do Plan Extraordinario de Obra Pública para executar estas obras que xa foron adxudicadas. Fronte a isto, o Concello segue a espera de que o Goberno galego se faga cargo do resto das actuacións que teñen un custe total de 670.000 euros.
Continuidade do belén electrónico
O titular provincial aproveitou a visita a Begonte para visitar o popular belén electrónico. Trátase dunha obra creada polo falecido artesán José Rodríguez Varela, de recoñecido prestixio na Comunidade, e que cada ano visitan máis de 30.000 persoas. Conta con máis de 50 figuras que se estenden en 80 metros cadrados. Este ano, foi o primeiro no que non se incorporaron novas pezas debido ó falecemento do seu creador e responsable. Gómez Besteiro anunciou que “ante esta situación, a Deputación fai posible a continuidade desta creación concedendo unha subvención de 5.000 euros á Asociación Cultural José Domínguez Guizán para o mantemento e ampliación desta obra que identifica e dá nome á provincia”.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo