Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Medio Ambiente e os humedais: unha historia de desfeitas e propaganda

En Galiza existen zonas húmidas de gran importancia ecolóxica, fundamentalmente no litoral, moitas delas incluídas no Convenio de Ramsar que están a sufrir urbanización crecente, construcción de portos deportivos, diques, contaminación, etc o que está a degradalas dun xeito importante. Por outra banda, a zona húmida máis singular de Galicia, as turbeiras da Serra de O Xistral, en Lugo, están nun nivel de degradación espectacular debido a construcción nelas de decenas de parques eólicos que foron levantados en contra dos propios informes técnicos da Consellería e forzando a legalidade da operación, amparada por técnicos non independentes e de cualificación que, ao final, amosouse máis que deficiente. Respecto ao que parece ser a actuación mais ambiciosa, os Humidais da Terra Cha, hai que dicir que todo resulta dun tremendo cinismo: A Lagoa de Cospeito efectivamente foi restaurada nos anos 80 de xeito pouco ambicioso pero moi correcto e a actuación levada a cabo pola Consellería no ano 99 (polo tanto xa fai 5 anos cando había outro Conselleiro) foi unha auténtica barbaridade; esta lagoa era unha chaira de inundación periódica que neste momento está completamente artificializada ao escavarse literalmente a cunca e incluírse elementos de formigón que fan, efectivamente, que o lugar teña máis auga todo o ano pero isto non ten nada que ver coa dinámica natural da lagoa de Cospeito nin con ningunha lagoa deste tipo nun país circunmediterráneo; a urbanización a lagoa (senda perimetral, contrucción de observatorios de cemento) non serven para nada nin facilitan a observación de aves acuáticas, cun único observatorio era máis que suficiente; ADEGA no seu día conseguiu polo menos evitar a construcción dun destes edificios que non fan máis que limitar a riqueza ecolóxica do lugar e amoblan o campo. Medidas de xestión básica (que coñecen ata os estudiantes de 3º de bioloxía) como a xestión da biomasa por gando, e habitual ata principios dos anos 90 na zona son abandonadas e nin se contemplan por parte da Consellería. Respecto a outra lagoas hai tamén que lembrar que a finais dos 90 foi feita a concentración parcelaria no entorno da Veiga de Pumar de gran interese ecolóxico e que supuxo a extinción como nidificante dunha especie de ave rapaz, a única en Galiza. A recuperación das lagoas de Begonte é unha canto ao baleiro ata hoxe e a situación de degradación que sofren por mor dunha areeira é crecente día a día mesmo coa introducción de especies exóticas. Hai que sinalar que as aves acuáticas máis valiosas da Terra Cha, entre as que destaca o mazarico real (Numenius arquata) posto que é este o único punto onde nidifica na Península Ibérica, é cada día máis comprometida e, posiblemente, extinguiranse como nidificantes nesta década, gracias a desidia e as propias actuacións da Xunta de Galicia. A restauración da lagoa de Caque é a única que a mellorou significativamente. Hai que lembrar que a importancia como humidal da Terra Cha é debida ao conxunto das características naturais da Comarca. Así, baixo estes supostos plans da década pasada agóchanse operacións de desecación do conxunto da Terra Cha co suposto fin de evitar inundacións; ao respecto hai que dicir que as inundacións forman parte da dinámica hidrolóxica da Terra Cha estando tradicionalmente as persoas afeitas a elo, gardando batuxos (embarcacións tradicionais) para nos momentos de inundación ir buscar comida para os animais o que sen dúbida é unha nota etnográfica valiosísima e singular. De levar a cabo estes plans, a Terra Cha rematará como A Limia: seca en verán e inundacións en inverno, e rematará o seu intereses ecolóxico e singularidade. Ao respecto da Limia, a suposta recuperación das areeiras é unicamente unha medida decorativa, a problemática é similar ás Lagoas de Begonte: nunha areeira non caben moitas medidas de restauración e co gran volume de auga que acumulan contribúen a baleirar os acuíferos das comarcas onde se sitúan. Chamar a esto recuperación non deixa de ser totalmente hipócrita posto que estamos a falar dunha explotación mineira que a forza, debido a lexislación vixente, ten que contar con plans de recuperación ambiental. Mentres a antiga lagoa de Antela sufrirá o último golpe de gracia coa construcción dos regadíos; neste caso a recuperación da mesma é relativamente sinxela e pouco custosa. Por último respecto ás Gándaras de Budiño, foron degradas historicamente ata fai moi pouco co crecemento do polígono industrial. Estamos pendente de ver cómo van a ser as actuacións que, en principio vemos positivas. En resumo: a situación dos humidais interiores é agónico e a Consellería de Medio Ambiente cando fai algo, soe ser contraproducente e propagandístico. Resulta incompresible que sigan co mesmo conto tantos anos despois e que non se preocupen de asesorarse minimamente ben. Neste senso, destacamos a actuación que unha entidade privada, a Fundación Global Nature, está a desenvolver na lagoa de Louro (Muros).
Adega