A Xunta apoia á Axencia Europea de Pesca e compromete axuda contra o furtivismo reincidente
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/axencia_europea_pesca.jpg)
Deste xeito, Feijóo garantiu que o traballo da Xunta se está a facer en consonancia cos obxectivos da Axencia e co obxecto de garantir a viabilidade e sostenibilidade ambiental, social e económica da pesca. Neste senso, insistiu en que é perfectamente compatible xestionar os recursos pesqueiros de xeito responsable e garantir o desenvolvemento do sector e manter os postos de traballo.
Así mesmo, referiuse aos medios contra o furtivismo, entre os que destacou: a recuperación das patrullas conxuntas entre gardacostas e Policía autonómica e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado; as incautacións de aparellos ilegais do mar, que no primeiro ano do plan se incrementaron un 80%; e a focalización das actuacións sobre zonas especialmente afectadas e sobre especies de valor, de xeito que, no caso da ría do Burgo subiron as incautacións de bens nun 1.000% e os comisos de mariscos en máis dun 600%.
O responsable do Goberno galego cualificou de gran acerto que se escollese Vigo como sede para unha tarefa tan importante como a inspección pesqueira e aseverou que é tamén un orgullo para Galicia que se desenvolva esa tarefa aquí e que, aquí, se concibisen logros moi importantes para o sector pesqueiro como: minorar un problema que se percibía no sector pesqueiro da UE, que sempre uns países eran máis cumpridores que outros e había Estados que tiñan máis flexibilidade na aplicación das normas; ou impulsar un regulamento para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e que entrou en vigor en xaneiro de 2010.
Feijóo resaltou a Axencia Europea de Pesca como un exemplo máis de que Galicia está integrada na Unión Europa e de que a comunidade participa nos asuntos comunitarios, en especial, naqueles nos que ten máis experiencia como é o sector pesqueiro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia