Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Histrión presenta no Salón Teatro Del maravilloso mundo de los animales: los corderos

O Salón Teatro acolle –mércores 9 e xoves 10 de febreiro ás 20.30 horas– dúas funcións do espectáculo Del maravilloso mundo de los animales: los corderos, unha “salvaxe parodia” da sociedade moderna escrita e dirixida para Histrión Teatro polo arxentino Daniel Veronese, un dos creadores máis recoñecidos e polémicos do panorama escénico contemporáneo a nivel internacional.

Con esta obra, a formación teatral granadina cambia de estilo, afastándose das versións de clásicos para apostar por unha obra actual. Durante 65 minutos, os cinco actores en escena –Gema Matarranz, Paco Inestrosa, Enrique Torres, Manuel Salas e Elena de Caray– dan vida a unha historia arredor dun axuste de contas que se desenvolve nunha pequena habitación, estancia á que asomará o espectador para ver o que acontece. Nesta funcional e sobria escenografía de 3x3 metros transcorre toda acción, tomando así o protagonismo a enerxía dramática da interpretación, a modelaxe do corpo, a voz, a actitude e o xesto, así como a sinerxía do grupo actoral.

Peza escura

O texto de Los corderos está construído mediante diálogos rápidos e precisos que desenvolven un discurso que hai que ir ordenando mentalmente e que só adquiren sentido na última frase da peza. Trátase dunha compilación dos temas fetiche do autor agrupados nunha peza escura na que a familia, os amigos, o barrio, ou a figura do bo veciño terminan rodeados dun horror que se torna violento e desgarrado.

A montaxe aborda a vida dunha familia peculiar nun momento que podería ser o actual. Gómez aparece atado e vendado na casa de Berta, a quen non ve desde hai vinte anos. Descoñece as razóns pero tanto ela como o seu veciño Fermín, tras conversaren con el de certos temas delicados do pasado, rexeitan darlle as explicacións que pide. Nun momento violento da conversa aparece Tono, amigo íntimo de Gómez no pasado e recentemente separado de Berta, coa cal ten unha filla. A presenza da moza na casa precipita un final inesperado para todos.

Referentes do teatro de actor

Histrión Teatro comeza a súa andaina en 1994. Nese mesmo ano foi nomeada “compañía revelación” no Festival de Palma del Río, onde presentou o seu primeiro espectáculo Volpone, el zorro. Desde entón vén desenvolvendo unha actividade continuada no eido do teatro profesional tanto para adultos como para nenos. A liña artística da compañía sostense sobre dous piares: o traballo de actor e a importancia dos textos. Moitas das súas producións foron versións de clásicos como Tartufo, el impostor, de Molière (1996), Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand (1999), Amor de D. Perlimplín con Belisa en su jardín, de Federico G. Lorca (2003), entre outras. Porén, nas súas últimas montaxes viraron cara a unha dramaturxia máis actual, contemporánea e social, tanto na súa temática como na súa posta en escena.

O arxentino Daniel Veronese (Bos Aires, 1955) é un dos referentes do último teatro internacional. Fundador de El Periférico de Objetos, gañador de máis de trinta premios e aclamado director e adaptador de textos de Chéjov (Espía a una mujer que se mata e Un hombre que se ahoga) e Ibsen (El desarrollo de la civilización venidera e Todos los grandes gobiernos han evitado el teatro íntimo), Veronese é recoñecido polo seu particular estilo teatral, despoxado do accesorio e concentrado no texto e os actores.

As entradas para asistir ás representacións de Del maravilloso mundo de los animales: los corderos poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado a través do teléfono 902 43 44 43 ou na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia