Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta insiste en que non retirará ningún recurso contra o decreto do carbón

O Goberno da Xunta, a través da súa Consellería de Economía e Industria, quere reiterar unha vez máis a súa firme postura en defensa dos intereses de Galicia fronte aos negativos efectos da posible entrada en vigor do coñecido como real decreto do carbón no tecido enerxético e produtivo de Galicia.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria salienta que é a actitude do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do Goberno Central, e as súas reiteradas negativas a escoitar a Galicia para tratar de buscar unha solución máis solidaria e xusta que no afecte ao tecido produtivo e enerxético da nosa Comunidade Autónoma as que non deixan outro camiño á Xunta que recurrir aos tribunais.

A Xunta de Galicia, que non se opón ao desenvolvemento da minería do carbón autóctono noutros puntos de España, non baralla a posibilidade de retirar ningún recurso xudicial en contra da aplicación do real decreto do carbón, e tal e como xa adiantou o propio conselleiro Javier Guerra recurrirá tamén as diferentes regulamentacións que desenvolven a norma que prima a queima de carbón autóctono e que prexudica gravemente a Galicia.

O departamento que dirixe o conselleiro Javier Guerra lembra que enviou unha carta ao ministro de Industria, Turismo e Comercio do Goberno Central o pasado día 27 de xaneiro na que defende a intención da Xunta de non retirar os recursos presentados ante distintas instancias xudiciais contra a aplicación do real decreto debido á falta de interlocución co Ministerio, e na que puña enriba da mesa, como mostra dunha actitude construtiva e de colaboración, unha proposta de negociación que non obtivo resposta algunha.

A Xunta quere insistir en que Galicia non está en contra do desenvolvemento da minería do carbón nacional noutros puntos de España, e por este motivo, e a pesares das constantes mostras de deslealdade institucional por parte do Ministerio de Industria derivadas do feito de que non se quere escoitar a Galicia, o Executivo galego mostra a súa dispoñibilidade para atopar unha solución.

O Goberno central non tivo en conta en ningún momento os negativos efectos da entrada en vigor deste real decreto en Galicia, que suporá a paralización das nosas centrais térmicas, a redución da actividade dos ciclos combinados e un notable impacto nos portos da Coruña e Ferrol, ademais de na planta de Reganosa e nos empregos auxiliares, e moito menos os trasladou á Comisión Europea, que unicamente coñeceu de primeira man os prexuízos ocasionados a Galicia grazas aos escritos que se remitiron dende a propia Consellería.

Galicia non foi escoitada aínda polo Goberno Central polas graves consecuencias do real decreto na nosa Comunidade Autónoma e a Xunta rexeita o enfrontamento que pretende o Executivo central entre uns territorios e outros, cando Galicia xa dixo en moitas ocasións que non está en contra do desenvolvemento da minería de carbón nacional e o único que fai e defender os seus intereses e os dos seus traballadores.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia