Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Federación Ecoloxista Galega apoia as declaracións da Confederación Galega de Asociacións Veciñais a prol da compostaxe

A Federación Ecoloxista Galega, que agrupa a máis de 20 colectivos ecoloxistas de todo o país, quere amosar o seu apoio ás declaracións da COGAVE a prol de fomentar a compostaxe coma tratamento de xestión da fracción orgánica dos Residuos Sólidos Urbanos (RSU) xerados no noso país. A Federación Ecoloxista Galega ve necesario un cambio na política autonómica de xestión de RSU, cando máis do 80% das asociacións veciñais de Galiza apoian a compostaxe, vese máis claramente o ilóxico do apoio da Xunta á incineración, declarou Celestino Quintela, coordenador da Comisión de Residuos da FEG.
Por outra banda, en lugar de construir grandes plantas de compostaxe, os colectivos ecoloxistas apostan polo establecemento dunha rede de plantas de compostaxe de menor tamaño, que fagan un servizo a nivel comarcal, de xeito que se reduzan o gasto de combustíbel nos desprazamentos. No tocante á calidade do compost, a FEG quere suliñar a importancia dos programas de educación ambiental, vale máis a inversión en educación que en tecnoloxía á hora de ter éxito na xestión dos residuos, declarou Quintela. Finalmente, sinalar desde a FEG que aínda que se estea a dar atención á Reciclaxe dos RSU, non podemos esquecer a importancia das medidas que preveñan a xeración de residuos, polo que a Federación seguirá a reclamar programas e medidas que fomenten a Reducción e a Reutilización dos residuos.
Federación Ecoloxista Galega