A Deputación de Lugo crea un navegador xeográfico cos recursos medioambientais, culturais e turísticos da provincia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/dipu-lugo.gif)
14 persoas, entre informáticos, enxeñeiros en topografía e deseño, traballaron durante meses no que Gómez Besteiro definiu como “o Google medioambiental da provincia”, e ó se pode acceder a través das direccións www.delugo.org ou www.delugo.es A presentación celebrouse no Centro de Interpretación Terras do Miño e contou coa asistencia do subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, e o alcalde lucense, José López Orozco, ademais de 15 alcaldes máis das Reservas, así como representantes do mundo empresarial vinculado ó medio ambiente. O proxecto conseguiu o 70% do financiamento da Unión Europea a través do programa Lugo2, co que a Deputación fixo unha forte aposta para demostrar que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia.
O Sistema de Información Xeográfica deLugo facilita a veciños e visitantes información do patrimonio ambiental, cultural e turístico, como rutas de sendeirismo, ciclismo e marítimas, praias, árbores senlleiras, coutos e áreas de pesca, previsións meteorolóxicas, todo tipo de aloxamentos, restauración, feiras e festas, museos, oficinas de turismo e campos de golf. Figuran así mesmo as adegas e recursos enolóxicos da Ribeira Sacra, dando así resposta a un compromiso adquirido polo Presidente da Deputación.
En deLugo inclúense por outra banda referencias á actividade da Deputación en canto á construción de parques industriais -que desenvolve a través da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa)- e ás súas previsións nesta materia.
Innovación constante
O navegador xeográfico estará en constante cambio e innovación, de xeito que ós contidos iniciais iranse sumando progresivamente outros de utilidade para o cidadán. É o caso das descargas de arquivos en dispositivos móbiles, como teléfonos, PDA ou XPS. Xa é posible descargar información de varias rutas de sendeirismo e do programa Km0 pero, de xeito progresivo, incorporaranse a totalidade deste ambicioso programa medioambiental impulsado pola Deputación, que suman 127 itinerarios. Respondendo a outro compromiso, o Presidente explicou que tamén figuran as distintas alternativas do Camiño de Santiago na provincia, incluído o Camiño de Inverno -que sigue pendente da declaración oficial por parte da Xunta de Galicia-. Neste senso, integrarase proximamente o Camiño do Mar, por cuxo recoñecemento oficial tamén está a apostar o organismo provincial ó tempo que ultima unha publicación específica sobre o mesmo. Outra mellora prevista para as próximas semanas será a introdución dos nomes das estradas locais entre parroquias de Lugo.
Aberto ás empresas e produtores
Aquelas empresas de servizos ou produtores que así o desexen teñen a posibilidade de darse de alta de maneira gratuíta neste buscador, que constitúe polo tanto unha potente ferramenta de promoción. Actualmente xa hai máis de 200 firmas colaboradoras. Para anunciarse, o interesado tan só ten que entrar no sitio web e rexistrarse como novo usuario no apartado “LugoEmpresa”. Tamén con respecto a esta cuestión se levarán a cabo melloras nas próximas datas, pois as empresas que se den de alta pasarán a figurar automaticamente no navegador do Sistema de Información Xeográfica, é dicir, posicionadas nun completo mapa.
En deLugo, os usuarios atoparán así mesmo unha actividade denominada “Xeobuscas”, consistente en propoñer e descubrir “tesouros” en calquera lugar da provincia. Estes “tesouros” serán bens que se consideren de interese, como, por exemplo, un monumento ou árbores senlleiras e únicas.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo