Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Festival Sinsal, no Salón Teatro de Compostela con Laetitia Sadier

A inconfundible voz de Stereolab, Laetitia Sadier, inaugura o domingo 20 de febreiro, ás 20.30 horas, a quinta edición da extensión do Festival Sinsal en Santiago cun concerto en que presentará o seu debut en solitario, The Trip, unha colleita de cancións de aparencia sinxela que agochan toda a profundidade que caracteriza o seu traballo desde os inicios.

A principios dos noventa, a cantante francesa Laetitia Sadier fundou xunto a Tim Gane o grupo Stereolab, que axiña se converteu nunha das bandas fundamentais desa década. O seu eclecticismo –do post-rock á electrónica pasando pola bossa nova– e a xa clásica ambigüidade das súas letras fixeron deles un referente para unha xeración. Laetitia é a letrista e principal vocalista, alternando ademais varios instrumentos como a guitarra, os teclados, a percusión ou o trombón. Asemade, mantén desde mediados dos noventa a banda Monade, con Rosie Cuckston de Pram, coa que leva gravados tres discos, sen deixar de colaborar con outras bandas ou solistas como Mouse on Mars ou Atlas Sound.

Camiño cara ao interior

A raíz dun parón indefinido de Stereolab, Sadier decide presentar o seu primeiro disco en solitario, dedicado á memoria da súa irmá, no que nun ton máis introspectivo do habitual, a súa particular voz brilla de forma especial, ademais de encargarse tamén da guitarra eléctrica. O nome do disco, The Trip, fai unha clara alusión á viaxe persoal emprendida pola intérprete cara ao fondo do seu propio traballo durante todos estes anos de traxectoria e cara ao seu propio interior, nun camiño marcado pola perda e as preguntas.

Así, neste primeiro disco en solitario amosa a súa cara menos barroca, máis directa, prescindindo dos arranxos para ofrecer a súa voz pura. A consecuencia desta escolla estética é o peso que as súas letras acadan sen nada que distraia, a modo de exercicio de “confesionalidade”.

Venda de entradas

As localidades para asistir ao concerto de Laetitia Sadier están xa á venda a través do teléfono 902 43 44 43 ou da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse o propio domingo no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. O seu prezo é de 5 euros por ser día do espectador.

Fundado na cidade de Vigo no ano 2003, o Festival Sinsal aposta polos sons contemporáneos, as propostas populares e os proxectos máis arriscados do panorama internacional. Tamén sirve de plataforma para presentar apostas menos coñecidas pero de igual importancia artística e outros proxectos relacionados co fenómeno sonoro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia