Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A campaña Libre pechará a noite nos pubs cun tema musical que anima a non conducir bébedo

A campaña Libre, de fomento dunha condución segura e sen alcol entre a mocidade, desenvolverase este ano máis alá dos propios meses de verán e, así, xa terá presenza nos días de Entroido e na Semana Santa. Ademais, este ano a iniciativa contará cun tema musical “propio” elaborado polo grupo ribeirense “Jabón Blue”.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe esta iniciativa nunha rolda de prensa na Sala Capitol, de Santiago de Compostela. No acto, estivo acompañada polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro; polo cantante de Jabón Blue, Javier Maneiro; e polo actor Manuel Manquiña.

O obxectivo último desta campaña, segundo precisou Mato, é alertar dos perigos de mesturar alcol e condución, especialmente coa meta de concienciar á mocidade. Precisamente pola relevancia da súa finalidade, a Xunta ampliará este ano tanto as zonas de cobertura da campaña, como os períodos durante os que estará en marcha.

Deste xeito, en 2011 a campaña vaise iniciar “de inmediato”, na semana previa ao Entroido, e terá continuidade na Semana Santa. Con todo, o “maior despregue” seguirá sendo no verán, en tanto é a época asociada cun maior tempo de ocio nocturno.

Con esta ampliación, garántese unha maior introdución da mensaxe, que terá “máis continuidade no tempo”. Mato lembrou que en 2010, só de xullo a setembro, foron preto de 100.000 as persoas que recibiron esta mensaxe, xa que a campaña estivo presente nas festas, romarías e concertos do verán galego. Na difusión da mesma, colaboraron tres das principais orquestras galegas.

Este ano a campaña “Libre” conta con outra novidade importante. O “punto de partida” da mesma será o tema e o videoclip do grupo de Ribeira “Jabón Blue”, que será o “referente” musical desta campaña.

En concreto, trátase do tema “Flores en la carretera”, que foi arranxado por Luís Cobos, e que conta coa participación do actor Manuel Manquiña. Editáranse 10.000 exemplares de CD’s e DVD’s con estes contidos, que se distribuirán en centros de ensino, centros universitarios, casas da xuventude, asociacións xuvenís e de voluntariado, e puntos de información xuvenil, e enviarase tamén a medios de comunicación de todo o Estado.

Así, o arranque da campaña celebrarase o xoves, 24 de febreiro, cun concerto na Sala Capitol, no que actuará Jabón Blue e que será presentado por Manuel Manquiña. O acto contará tamén con testemuñas de persoeiros que apoian esta campaña como o presentador Roberto Vilar; o actor e cómico, José Touriñán; os actores Pedro Alonso, Luis Zahera, Iolanda Castaño, e Diana Nogueira; o músico Julián Hernández; o campión de España de rallyes, Sergio Vallejo; ou o ciclista Óscar Pereiro. Ademais, no mes de marzo, haberá unha segunda actuación en Ribeira no marco desta campaña.

Meses de verán

Ademais de todas estas actuacións, o verán continuará sendo o eixo central desta campaña. Neses meses, “Libre” estará presente a pé de rúa nos “principais puntos de ocio nocturno de Galicia e nos principais puntos de sinistralidade viaria”. Este ano asinarase tamén un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia, para acadar a implicación dos locais de ocio. Tamén continuará a presenza de monitores xuvenís que difundirán a máxima de “0 por cento alcol para conducir” e que farán controis voluntarios de alcolemia.

Por outra banda, este ano ofrecerase por segunda vez o curso de formadores en mediación viaria. Na actualidade, xa hai 20 profesionais da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado especializados nesta temática. Todos eles levan a campaña “Móvete”, que continuará este ano, e que consiste en levar a cabo obradoiros de concienciación de seguridade viaria nos campamentos de verán da Xunta.

Nesta mesma liña de actuación, continuarase apostando polos cursos de condución segura para mozos e mozas de 18 a 35 anos, que acadaron un importante éxito en 2010, edición na que ofreceron 512 prazas nos meses de outubro, novembro e decembro no circuíto da Magdalena de Forcarei. Actualmente, estase traballando para ampliar os lugares de realización desta actividade.

En definitiva, concluíu Mato, este ano a campaña “Libre” incrementa os períodos de cobertura da campaña, ao incluír o Entroido e a Semana Santa; intensifica a proxección da campaña ao poñerlle “letra e música propia”; e aposta por continuar os obradoiros nos campamentos de verán e os cursos de condución segura en máis lugares de Galicia. Para este fin, a Xunta de Galicia investirá ao redor de 100.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia