Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA presenta a III Xornada de Divulgación Por unha mobilidade sustentábel, organizada en colaboración coa facultade de Xeografía e Historia da USC

Nos últimos 20 anos estamos a asistir a unha explosión da demanda de transporte desmesurada, que esta a convertelo nunha da principais causas da crise ecolóxica global actual e nun dos problemas fundamentais da nosa sociedade. As consecuencias están á vista: efecto invernadoiro, contaminación acústica, atmosférica e do chan, depauperización da calidade de vida nas cidades, incremento da acidentalidade.... O xeito de enfrontarmos esta cuestión definirá en grande medida o tipo de sociedade que teremos (ou padeceremos) nun futuro: a equidade no acceso a bens e servizos, a igualdade de posibilidades na realización persoal, a conservación da biodiversidade, a maior o menor contaminación, o ordenamento a escala humana do territorio, o cumprimento do Protocolo de Kyoto... en definitiva, a calidade de vida de todos os seres vivos que habitamos o planeta. Cómpre dar un xiro radical na forma de entender o transporte e a mobilidade, aplicando criterios ecolóxicos e de sustentabilidade na súa xestión e optando polos modos de menor impacto ambiental. Nesta liña, e por terceiro ano consecutivo, ADEGA celebra o vindeiro sábado 23 de outubro as III Xornadas de Divulgación Por unha mobilidade sustentábel en colaboración coa Facultade de Xeografía e Historia da USC. Na primeira parte da  Xornada, analizaranse, baixo o título xenérico de A mobilidade actual: ¿Imos no bo camiño? aspectos como a relación Transporte/Urbanismo, as infraestruturas ou os custos externos do transporte, con relatorios ao cargo de Xose Lois Martínez, Profesor de Urbanismo e Vicerreitor de Infraestruturas e Xestión Ambiental da UDC, Xabier Vence, Catedrático de Economía Aplicada da Facultade CC. Económicas da USC e María Xosé Vázquez, Profesora de Economía Ambiental da Universidade de Vigo. Pola tarde, e baixo o título de Novas solucións ás demandas de mobilidade das poboacións urbanas e rurais en Galiza: accións e propostas., presentaranse distintos programas e propostas para unha mobilidade sustentábel, coas intervencións deMiguel Pazos Otón, profesor do Departamento de Xeografía da USC, Inacio Palomares, Xefe do Servizo Provincial de Transportes da Xunta de Galicia en Ourense e Xan Duro, Presidente de ADEGA. Esta Xornada é eminentemente divulgativa e orientada ao público en xeral. A súa finalidade e axudar a abrir unha reflexión persoal e colectiva sobre a mobilidade e o transporte, cal é a situación actual e que posibilidades hai para mudala, tanto en base a comportamentos individuais como con políticas públicas..
Adega