O vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo anuncia unha liña de axudas directas aos pilotos en competición

Antón Bao anunciou na súa intervención diante dos afeccionados ao motor lucense que a Área de Deportes da Deputación convocará unha liña de axudas para colaborar directamente cos pilotos de rally e así contribuír no mantemento dos custes derivados da competición. En concreto, Antón Bao falou dunha liña de subvencións que irán no camiño de sufragar a adquisición de neumáticos de competición para os pilotos lucenses, o que permitirá tamén que se incremente a seguridade na competición. O vicepresidente da Deputación explicou que a idea de estabelecer esta posibilidade de axudas directas xurdiu das conversas de traballo cos pilotos lucenses e coa propia Escudería Miño, no que tivo un lugar destacado o piloto Avelino Basanta como exemplo de superación ao afrontar a competición de rallys baixo o prisma da discapacidade, e que aconsellaron esta medida para favorecer a participación dos pilotos lucenses nas distintas probas de ámbito galego e estatal.

Bao tamén tivo palabras de agradecemento para toda a xente que participou na II Xuntanza do Automobilismo Lucense, desde as persoas que colaboraron na organización, os centos de afeccionados e afeccionadas que encheron os arredores do Pazo dos Deportes para vibrar coa exhibición dos pilotos, pasando polos propios pilotos participantes e todo o mundo do motor lucense, e rematou a súa intervención desexando “a todos e todas os maiores éxitos de cara a tempada que comeza, dicirvos que levedes con orgullo o nome de Lugo por todas as estradas de Galiza e España, e que sempre contaredes co respaldo necesario por parte da Deputación de Lugo”.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo