Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Nova edición da Gala Lvcvs Moda apadriñada por Vitorio & Lucchino

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde lucense, José López Orozco, presentaron no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) a Gala Lvcvs Moda que, logo do éxito do ano pasado, ambas institucións decidiron reeditar co obxectivo de difundir no exterior o talento creativo dos deseñadores e artesáns lucenses e converterse en punto de atracción de visitantes á cidade. O desfile terá lugar o próximo 7 de abril, a partir das 21:00 horas, no Círculo das Artes da capital, e contará cuns padriños de excepción: os deseñadores andaluces Victorio & Lucchino, -referente indiscutibles no panorama da moda internacional-, que cederán ó CENTRAD o seu deseño exclusivo dedicado ós Bosques de Lugo.

Nesta segunda edición, o evento está dedicado ós bosques ó ser o Ano Internacional destes espazos naturais e Lugo unha das provincias españolas con máis Reservas da Biosfera. De aí, o nome Gala Lvcvs, palabra que significa “bosque sagrado”. Contará coa participación de seis deseñadores lucenses (duplicando o número do ano pasado) e 14 artesáns da provincia (dous máis ca no 2010), que amosarán os seus últimos traballos e algunhas creacións especificamente elaboradas para a ocasión. Toda a recadación de novo irá destinada a asociacións benéficas da cidade. As entradas, cun prezo de 15 euros (10 menos que na edición pasada), xa están á venda no Centro de Interpretación da Muralla, no Gabinete de Comunicación da Deputación de Lugo e nos establecementos dos deseñadores participantes. Para máis información, os interesados poden chamar ó teléfono de información cidadá 010 (chamando fóra da capital, 982.297.350).

Colaboracións especiais

A actriz, modelo e presentadora con raíces lucenses María Castro, recoñecida en España a raíz do seu papel nas series Sin Tetas no hay paraíso e Terra de Lobos, ademais do teatro, será a presentadora da gala, que terá outra protagonista moi destacada, a cantante Lucía Pérez, a primeira artista galega que representa a España no Festival de Eurovisión. A Deputación fará unha homenaxe á cantante do Incio que, despois da gala da moda lucense, iniciará a súa xira europea antes da celebración de Eurovisión na cidade de Düsseldorf, en Alemania.

Os deseñadores participantes son: INPE, Isabel Piñar, Luis Areñas by Manuela López, Manuel Bolaño, Montse Arias, e Sara Lage e Maru Calderón. Con respecto ós artesáns, estarán: Cecilia Carballo, Corazones Artesanos, Chica de Canela, Henry Huamán, Idoia Cuesta, María Rodríguez, Miguel Caamaño, Obradoiro, Óscar Rodríguez, Pilar Rodríguez, Ramón Álvarez, Ramón Lleó, Victoria Sancosmed e Vidal Revilla.

O evento non sería posible sen a colaboración que prestaron de xeito totalmente gratuíto e desinteresado 16 colaboradores: os alumnos de Perruquería e Maquillaxe do IES da Piringalla; alumnos da Fundación TIC; zapaterías Cuplé, Rochas e Messalina; Hotel Pazo do Sangro; Concesionario Roysán; Comarcal 122; o deseñador Ramón Rebolo; Floristería Fento; Hedonai; spa Dolores Recarey; restaurantes España e Mesón de Alberto; o compositor Arturo Vaquero; e zapatería Dick & Paul. Como anécdota, este último establecemento creará un modelo inspirado nos bosques e despois cederao de balde ó CENTRAD. A gala, que implica a participación de máis de 100 persoas, será retransmitida pola Fundación TIC a través de varias canles de televisión en España, procurando o mesmo éxito mediático acadado o ano pasado, cando Tele 5, TVE ou revistas como Hola! ou Semana se fixeron eco do deseño lucense.

Entre outras, as modelos que lucirán os deseños na pasarela serán: Sarah López Bujía; Danique Lavodrama, filla do xogador do Breogán e a modelo más nova que desfilou na Madrid Fashion Week deste ano; Lorena Barreiro, moza Pantenne para a revista Glamour; Raquel Quiroga, con orixes en Lugo e concursante no certame Supermodelo 2008; e Miriam Blanco, modelo galega que participou na última edición do reality Supervivientes de Telecinco.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo