Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Conmemórase o 125º aniversario da ponte internacional Tui-Valença

O Alcalde Tui, Antonio F. Fernández Rocha, e o Presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, asinaron na ponte Internacional, que cumpre 125 anos o acordo de irmandade entre as dúas localidades dando deste xeito cumprimento ao acordo de ambas Corporacións Municipais e testemuñando unha realidade histórica e cotiá para todos os tudenses e valencianos que se senten habitantes dun territorio común e de dúas cidades irmáns.

Segundo se recolle no texto do protocolo asinado esta mañá “as cidades de Tui e Valença acordan fortalecer os lazos de amizade e comuñón que historicamente caracteriza as súas relacións formalizando un acordo de irmandade que hoxe se asina”. O obxectivo desta irmandade é “desenvolver relacións sociais, culturais, económicas e educativas, así como o progreso e desenvolvemento das súas poboacións a través do contacto persoal entre todos os habitantes das dúas cidades” así como “promover o desenvolvemento das relacións mutuas para fortalecer cidadanía e os lazos de fraternidade entre os habitantes de ambas localidades”.

Previa a sinatura do protocolo tivo lugar un acto solemne na antiga alfándega de Valença decorada para a ocasión cunha maqueta da ponte internacional e con tres fotografías de Tui, Valença e a ponte no día da súa inauguración hai 125 anos. O acto contou cunha nutrida representación de autoridades civís e militares encabezas polas corporacións municipais tudense e valenciana, e nas que estaba tamén o Delegado do Goberno en Galicia, o Director Xeral da Administración Local da Xunta, o presidente do Consello Directivo do Instituto da Mobilidade e Transportes de Portugal. Tamén acudiron alcaldes ribeireños coma o da Guarda ou Vila Nova de Cerveira ou o Alcalde de Fromista e un concelleiro, cidade coa que Tui xa estaba irmanada.

O Alcalde de Tui na súa intervención destacou que “é de xustiza recoñecer que este acordo que imos asinar é froito madurecido da decisión de tantas e tantas xeración de valencianos e tudenses que superando os atrancos souberon xuntos chorar, rir, bailar, casar, pescar, mercar,... como fan dous namorados, dous noivos cheos de ilusión e esperanza”. Recoñecía que esta fronteira á máis antiga de Europa pero tamén a máis permeable, engadindo que a Ponte de Pelayo Mancebo converteuse no “símbolo da nosa unión, da nosa irmandade, nun escenario privilexiado das nosas vidas”. Sinalaba Fernández Rocha que é un acto de xustiza, asinar este acordo que “certifica a realidade secular das nosas cidades” e que o irmanamento quere ser como a ponte metálica “un símbolo de evocación dunha vida común das xentes de Galicia e do Miño, unidos por un territorio, unha cultura, unha lingua, unha vocación de traballo en común para o desenvolvemento compartido” por iso expuña que “Galegos e minhotos teñen nesta cidade, que conformamos Valença e Tui, a expresión desta unión, a testemuña desta mutúa vocación”. Engadía que a sinatura do protocolo “posúe unha longa visión de futuro e unha aposta de cara ao provir. Con este protocolo amosamos a nosa vontade de afondar nesta cooperación, de compartir servizos, de cooperar mutuamente no progreso dos dous municipios apostando claramente por promover entre ambas localidades cousas que ata quizais non fixese o de agora non fixemos como no ámbito dunha auténtica vocación europea, dunha auténtica cohesión entre os nosos pobos” para o que apuntaban é preciso a colaboración doutras administracións.

Remataba a súa intervención no plano persoal destacando que para el coma alcalde é unha satisfacción culminar deste xeito dúas décadas de traballo municipal.

Pola súa parte o Presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes expuña que dende hai 125 anos a ponte une Valença e Tui facilitando as relacións entre as dúas cidades. Manifestaba que a Unión Europea, os Gobernos de Portugal de España, a Xunta de Galicia,e a Rexión Norte deben de ollar para “este exemplo de cooperación e desafío coma unha nova oportunidade neste tempos de crise económica, social e política”. Apuntaba que Valença é terra de fronteira e que hoxe é unha cidade de portas abertas ao mundo, e que nesta terra de fronteira segue habendo dificultades polas diferenzas existentes en diferentes áreas coma no prezo dos combustibles, falta de harmonía fiscal, ou na peaxe nas autovías”.

O protocolo de irmande dicía que “da un paso importante nas relacións entre as dúas cidades coa convicción de concretizar unha vontade antiga de tudenses e valencianos”. Jorge Salgueiro sinalaba que é un pracer celebrar os 125 anos da ponte polo que representa “unha ponte libre e aberta” así coma pola súa simboloxía de ponte para Valença e Tui e por reforzar un lugar común a xeración futuras. Concluía afirmando que a irmandade asinada hoxe é un exemplo de humanismo.

Tomou tamén a palabra neste acto o Director Xeral de Administración Local, Norberto Uzal, quen destacou que cada ano pasan a fronteira entre Tui e Valença 6 millóns de persoas, engadindo que esta fronteira está cobrando hoxe a súa verdadeira dimensión como camiño de cooperación. Unha liña de cooperación entre as dúas cidades que xa existe na cultura, nas emerxencias e nas urxencias médicas, que apostaba por afondar. Remataba afirmando que Tui e Valença protocolizan nun papel o “que existe dende sempre dous pobos irmáns chamados á entenderse”.

Antón Louro, Delegado do Goberno en Galicia, lembraba que dende que se decidiu construír a ponte ata a súa inauguración houbo que facer fronte a numerosos atrancos ante os que se mantiveron as reivindicacións dos dous pobos para que esta ponte se fixese realidade. Apuntaba que a ponte tras 125 anos segue a dar o mesmo servizo que cando se creo, sendo un eixo de unión e concordia. Por iso dicía o obxectivo do acto desta mañá era “reforzar os vínculos dos dous pobos” coa sinatura do protocolo de irmandade. Antón Louro apuntaba que “hai 125 anos a ponte cambiou a vida dos veciños da fronteira” engadindo que o de hoxe é “un día de lembranza para os que fixeron posible a obra, e para os que día a día seguen xustificando a súa existencia”.

Por último o Presidente do Consello Director do Instituto de Mobilidade dos Transporte, Carlos Ferreira, tras escusar a presenza do Ministro portugués manifestaba que “a ponte foi e segue a ser unha notable obra de enxeñeira”. Expuña que os desafíos que presidiron a construción da ponte internacional foron “aumento da cooperación bilateral, aposta na innovación e desenvolvemento das relacións económicas, sociais e culturais” pero son tamén explicaba “os principais desafíos que se colocan hoxe e no futuro no desenvolvemento de ambos lados da fronteira”. Remataba indicando que o protocolo de irmandade permitirá concretar o proxecto de Eurocidade, para cuxa consolidación indicaba que será preciso o planeamento dunha rede de transporte público transfronteirizo para o que brindou a colaboración do instituto que preside.

Tras o acto de sinatura e o descubrimento dunha placa conmemorativa nunha dos columnas do medio da ponte internacional, onde conflúen as localidades de Tui e Valença, os asistentes escoitaron a interpretación do himno de Europa como sinal da vocación europea deste irmandade que hoxe asinaron ambos mandatarios, cunha tirada de bombas de palenque e as fotos de rigor remataron os actos na Ponte Internacional, construída co deseño do enxeñeiro Pelayo Mancebo Agreda,

Finalmente os convidados desprazáronse nunha comitiva acompañada por un grupo de gaitas ata o Parador de Turismo “San Telmo” de Tui onde tivo lugar a entrega dos premios dos concursos de carteis e de fotografía convocados por ambos municipios ao abeiro dos actos conmemorativos deste 125 aniversario e de seguido participaron nun xantar oficial ofrecido por ambos concellos.

Esta xornada do 25 de marzo de 2010 ficará como unha data histórica a conmemorar no futuro pois ambas localidades de Tui e Valença asinaron oficialmente a súa irmandade, amosando o camiño da cooperación entre pobos transfronteirizos.
Gabinete de Comunicación do Concello de Tui