Espacio Atlántico preséntase como un referente na produción artística

Roberto Varela asegurou no transcurso da súa intervención que “resulta imposible concibir unha sociedade sen arte” de xeito que “é imposible concibir Galicia sen a súa arte”. Neste sentido, o conselleiro lembrou “a vocación creativa de Galicia queda rexistrada desde hai milleiros de anos en infinitos lugares, desde a pel da súa terra, ata as nosas últimas expresións de arte en vivo, arte audiovisual ou net art”.
O responsable da área de Cultura destacou a evolución de Espacio Atlántico desde o seu nacemento en 2006 “baixo o nome de Puro Arte Vigo” e lembrou como se converteu “en tan só cinco anos nun acontecemento artístico, cultural e económico relevante na nosa comunidade”. Roberto Varela amosou o seu desexo para que o espazo sexa “cada vez máis, un lugar de encontro profesional, de negocio e venda, así como de promoción dos nosos talentosos artistas”.
O conselleiro recordou do mesmo xeito a Manolo Paz, artista homenaxeado nesta quinta edición, e describiuno como ”un escultor versátil e un creador consciente, reflexivo e coñecedor das últimas tendencias, pero que nunca se distanciou un ápice, nin física nin espiritualmente, do rexo oficio dos canteiros, empregando na meirande parte da súa obra o idioma común do martelo e o punteiro no seu diálogo coas pedras”.
Roberto Varela salientou Espacio Atlántico como “a cita obrigada da arte contemporánea” do 1 ao 10 de abril en Vigo. Segundo informou o conselleiro, a Feira acollerá máis de 40 galerías do conxunto da península, 5 project room, unha sección dedicada ao debuxo contemporáneo, Expanding Drawing, mesas de debate sobre coleccionismo, o propio Programa Coleccionistas, unha exposición-homenaxe a Manolo Paz, ou a nova liña de difusión cultural e artística que este ano contará coa participación da Feria Loop de Barcelona e da Cidade da Cultura de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia