Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Paco Pestana exalta o pasado agrario de Galicia nunha mostra na Capela de Santa María

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou a nova mostra que organiza o Centro de Artesanía e Deseño –CENTRAD-, dependente da Deputación, e que acolle a Capela de Santa María dende mañá e ata o 8 de maio. Trátase da exposición “Presente... armas¡” do artista de Castroverde Paco Pestana, que poderá visitar no seguinte horario: de luns a venres de 10:30 ás 14:00 horas, e de 17:00 ás 20:00 horas; e sábados e domingos de 11:00 ás 14:00 horas.

“É unha homenaxe a un país profundamente agrario e desaparecido. O seu título alude á rebelión pacífica que fago en contra do pasado, da extinción dunha forma de vida. Conta a historia poética, ou a crónica bibliográfica dun rapaz que naceu e se criou no campo. Por iso, a obra plasma o meu mundo onírico, e a realidade soñada”, explicou Pestana.

Lara Méndez destacou a contribución que fai Paco Pestana con esta exposición “de cara a consolidar a Capela de Santa María como epicentro cultural de Galicia”. A Vicepresidenta Segunda lembrou ademais que Pestana foi o primeiro artista que espuxo neste espazo logo de convertelo nunha sala de exposición no ano 1998. “Paco inaugurou esta Capela a que volta para por de manifesto que é un dos máximos expoñentes da escultura e da pintura, así como un dos creadores máis vangardistas do arte galego”.

“Presente... armas¡” reúne un total de 3 escultura e 27 debuxos coas que o artista fai unha “profunda reflexión da súa traxectoria artística logo de 30 anos de traballo, incidindo na súa traxectoria agrogandeira e no mundo na natureza”. As esculturas “renden homenaxe, e despiden a tradición agraria en Galicia logo da invasión das novas tecnoloxías”. Para elo, no centro da Capela, Pestana situou unha peza que simboliza “o sacrificio do campo”: a cabeza dunha vaca enterrada en sal nun recipiente de salar a carne dos porcos.

Ó seu redor, o artista expón 27 debuxos, distribuídos en 9 grandes paneis -de 3 metros de ancho por 1,3 de alto-, configurando unha imaxe de murais. Estes debuxos plasman “soños realizados, crónicas de intimidade”, introducindo ó espectador no mundo interior da fantasía do artista.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo