Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil co apoio á produción galega

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, destaca a promoción da lectura entre a infancia e a xuventude como un dos seus obxectivos máis importantes. Deste xeito, a Xunta de Galicia súmase á celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra o 2 de abril, debido ao aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen, co dobre propósito de mellorar os índices de lectura entre o público máis novo e de apoiar a expansión a públicos externos da produción editorial galega neste eido.

Deste xeito, mañá día 1 de abril e véspera da celebración, a Consellería de Cultura e Turismo presentará na Biblioteca González Garcés da Coruña unha exposición arredor da vida e obra de Xosé Neira Vilas que contará cun catálogo explicativo da súa traxectoria, ilustrado por comentarios aparecidos ao longo deste medio século de vida de Memorias dun neno labrego (1960), obra inaugural da literatura xuvenil galega. A exposición, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Deputación de Pontevedra.

A presentación da mostra insírese nun acto de homenaxe a Xosé Neira Vilas, no que se lle concederá o título de Socio de Honra da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e se lle ofrecerá un libro que recolle as cartas dirixidas a Balbino, protagonista das Memorias dun neno labrego, escritas na actualidade por persoas relevantes da cultura e da sociedade galega. Do mesmo xeito, mañá 1 de abril, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, asistirá aos actos de celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se desenvolverán na Biblioteca Municipal de Verín, na provincia de Ourense.

Dende a Xunta de Galicia considérase que é necesario continuar apoiando e promocionando internacionalmente o sector vencellado á produción editorial para o público infantil e xuvenil de Galicia, posto que conta cun nivel de profesionalización e calidade punteiro, cun enorme potencial para ocupar un espazo importante tanto dentro do territorio da comunidade coma no exterior.

Feira Internacional de Boloña

A Consellería de Cultura e Turismo promove durante esta semana a presenza galega na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña para potenciar a imaxe exterior dos autores e as industrias editoriais da nosa comunidade. No ámbito da Feira de Boloña, que remata hoxe 31 de abril, a Consellería de Cultura e Turismo vén de presentar o catálogo Galician Books for Children & Young People 2011, que recolle a produción galega destinada ao público máis novo do último ano, e un DVD promocional da creación galega no eido da ilustración gráfica, ambos os dous editados pola Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil GÁLIX.

A través da publicación de Galician Books amósase a implicación da Consellería de Cultura e Turismo para internacionalizar a imaxe da edición galega para o público de menor idade. O catálogo foi realizado en versión trilingüe, galego, castelán e inglés, para garantir o acceso das linguas maioritarias da nosa contorna cultural cara a outras demograficamente máis pequenas. Galician Books for Children & Young People 2011 confirma o crecemento de Galicia na calidade dos títulos ofertados, así como una presenza cada vez máis importante no exterior. Neste momento, Galicia conta con editoriais que traballan simultaneamente en varias linguas, incluídas a inglesa e a castelá, e con ilustradoras e ilustradores demandados desde os países máis avanzados neste eido de Europa e de América.

Por outra banda, o DVD presentado en Boloña ten a finalidade de apoiar a difusión internacional da ilustración galega, que conta cunha produción de calidade, capaz de situarse á par dos mellores autores do momento e con nomes destacados do panorama internacional. A través desta acción, a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos traballa no seu obxectivo para inserir os distintos estamentos profesionais que interveñen na elaboración e difusión do libro galego en espazos amplos da cultura, co fin de nivelar o intercambio cos países do noso entorno. Deste xeito, amósase a evidencia de que ningún sistema cultural pode percorrer unha traxectoria suficiente en solitario, xestionado de forma autárquica e baseado unicamente no seu mercado interior.

Na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña tamén se amosa o labor realizado polos creadores galegos no eido da ilustración. Nesta feira, de carácter eminentemente profesional, as editoriais presentes realizan un labor de oferta, captación e intercambio de obras e dereitos. Isto ten un beneficio directo para as firmas presentes, pero ademais contribúe a crear unha imaxe de calidade do libro galego e, por extensión, de todo o que se poida identificar con Galicia de cara aos mercados internacionais. Neste evento editorial están representadas no expositor de Galicia 16 editoriais: Edicións Obradoiro, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Edicións Embora, Editorial Everest, Ir Indo Edicións, Editorial El Patito, Edicións Nigra Trea, Edicións Xerais, Editorial Ideas Propias, Edicións Toxosoutos, Biblos Clube de Lectores, OQO Editora e Edicións do Cumio.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia