O III Congreso Internacional sobre a Cultura Celta afondará nun pasado que impregna o presente
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/congreso_cultura_celta.jpg)
A rolda de prensa celebrada na Cidade da Cultura contou coa participación asemade do decano do Instituto Galego de Estudos Célticos (IGEC) e comisario do congreso, Andrés Pena, o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando Acuña e a profesora do IGEC e doutora en Historia Antiga, Blanca García. Segundo asegurou Roberto Varela na súa intervención, o terceiro Congreso Internacional sobre la Cultura Celta, que contará coa presenza dos principais expertos europeos e internacionais no estudo da cultura e civilización celta, afondará “no estudo das raíces da nosa identidade e da nosa cultura, e axudarán a ampliar o coñecemento acerca do noso pasado”.
O responsable de Cultura e Turismo vinculou no seu discurso ás rexións de orixe celta e asegurou que “existen conexión culturais máis que evidentes entre elas”. O conselleiro sinalou como mostras destas similitudes os “traballos arqueolóxicos que se remontan á Idade de Ferro, elementos lingüísticos e toponímicos prerromanos ou unha sensibilidade musical compartida, entre moitas outras semellanzas”. Do mesmo xeito destacou como “o renacemento na literatura do orgullo por ese pasado celta coincidiu no tempo en pobos como o irlandés, o bretón ou o galego”.
Roberto Varela puxo de relevo a vontade de Galicia e de todos os galegos por amosarse como “un pobo aberto e disposto a coñecer as peculiaridades doutras culturas, así como para transmitir as nosas propias”. Neste sentido o conselleiro subliñou a importancia da Cidade da Cultura como un “símbolo da capacidade da Galicia do século XXI para converterse en foco de intercambios culturais, e para erixirse en centro dende o cal se exportan coñecementos a outros países de Europa, Iberoamérica ou a calquera parte do mundo”.
Desde o venres 15 de abril ata o domingo 17 do mesmo mes terá lugar en Narón o ‘Terceiro Congreso Internacional sobre a Cultura Celta’, nesta ocasión centrado na temática de ‘Os celtas da Europa Atlántica’. Para máis información do congreso prema aquí: http://www.estudosceltas.org/
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia