O CGAC impulsa o II ciclo titulado Música e Arte: correspondencias sonoras
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/cgac.jpg)
Nesta segunda edición de Música e arte: correspondencias sonoras, serán tres as mostras do CGAC que conten cun contrapunto musical: unha exposición sobre a artista italobrasileira Anna María Maiolino, producida pola Fundación Tàpies en colaboración co CGAC e o Malmö Konsthalle; unha mostra colectiva titulada Estades preparados para a televisión? e coproducida polo CGAC e o MACBA de Barcelona; e por último a mostra individual do artista norteamericano Jeff Wall, que pechará o programa anual de exposicións.
O primeiro dos concertos, inspirado na obra de Anna María Maiolino, pon o acento nas dicotomías, na preocupación da artista pola linguaxe e pola utilización de xestos primarios e movementos repetitivos. Para visualizar estes aspectos da súa obra escolleuse unha combinación instrumental que presenta unha clara dualidade: o mundo do soprano a través do cuarteto de saxofóns (S@X21, de Galicia) e a natureza acústica das cordas (Quarteto de cordas de Motosinhos, de Portugal), cun programa que explota as posibilidades da linguaxe e da fala nun contexto instrumental, a transformación de diferentes naturezas acústicas e o movemento vinculado á figuración e ao son.
A proposta musical ligada a mostra Estades preparados para a televisión? presenta, entre outros títulos como Trash TV France ou Propaganda, e inclúe música electrónica en vivo combinada con instrumentos acústicos e coa guitarra que aínda que inicialmente estivo vinculada ás músicas populares coma o rock ou o jazz, foi asimilada desde hai tempo pola música clásica contemporánea.
Para o terceiro concerto, a agrupación galega Vertixe Sonora presenta un programa concibido como un retrato sonoro arredor da obra do fotógrafo Jeff Wall: cinco pezas, todas encargas e estreas absoluta da ensemble, amosan a visión ou interpretación que da obra deste artista canadense fan cinco compositores de estéticas diferentes.
Este ciclo, que está directamente vinculado coa creación musical do século XXI, presenta oito estreas absolutas, encargadas por S@21 e Vertixe Sonora a varios representantes dunha nova, interesante e creativa xeración de compositores do panorama internacional: Jacobo Gapar (Pontevedra, 1975), Xabier Mariño (Ponteareas 1983), Ramón Souto (Vigo, 1976), Lula Romero (Palma de Mallorca, 1976), Germán Alonso (Madrid, 1984), Víctor Ibarra (Guadalajara, México, 1978), Yashiaki Onishi (Hokkaido, Xapón, 1981), Mauricio Pauly (San José, Costa Rica, 1976), ademais de cinco estreas en España de Georges Aperghis (Atenas, 1945) e Franck Bedrossian (Francia, 1971), Helmut Oehring (Berlín, Alemaña, 1971), Pedro Rebelo (Portugal, 1972) e Fausto Romitelli (Italia, 1963-2004).
Os concertos terán lugar no auditorio do CGAC de abril a novembro, a entrada é de balde e limitada a capacidade da sala. Asemade, antes de cada concerto realizaranse visitas guiadas ás exposicións do centro conducidas por profesionais do ámbito cultural e artístico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia