Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A FEG defende a redución das emisións de CO2 das centrais térmicas galegas

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) demanda ao Goberno central que os dereitos de emisión de CO2 que asigne ás centrais térmicas de carbón de As Pontes e de Meirama para o período 2005-2007, no marco do Plan de Asignación de Dereitos de Emisión, supoñan
unha redución significativa a respecto das emisións actuais. No ano 2001, a central térmica das Pontes (ENDESA) emitiu 10,4 millóns de toneladas de CO2, mentres que a de Meirama (UNIÓN FENOSA) emitiu 4,3 millóns[1]. A diminución das emisións de CO2, principal gas responsábel do cambio climático, suporía a redución da produción de electricidade nestas
centrais. As centrais térmicas de carbón de As Pontes e de Meirama (Cerceda) son
enormes fábricas de cambio climático. A central das Pontes é o maior foco emisor de CO2 da Península Ibérica e o duodécimo entre os 15 estados da Unión Europea anterior á última ampliación. Ás centrais de carbón das Pontes e de Meirama hai que sumar a de fuel de Sabón (Arteixo), propiedade de UNIÓN FENOSA, que en 2001 emitiu 700.000 toneladas de CO2[2] As emisións das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama representan máis do 40 % da contribución de Galiza ao cambio climático global[3]. Só a contribución ao cambio climático da central menor, a de Meirama, triplica a contribución de todo o resto da industria galega. As elevadas emisións destas centrais explican en grande medida que a
contribución do noso país ao cambio climático sexa moi importante en termos relativos. A xuízo da FEG, o cumprimento do Protocolo de Quioto na nosa terra pasa, entre outras medidas, pola redución progresiva da produción de electricidade a partir de carbón, que en 2001 supuxo máis da metade da produción total galega. A prevista construción de novas centrais térmicas de gas natural nas Pontes e en Sabón, así como noutros lugares de España, será ambientalmente negativa se non vai acompañada da redución da produción
e/ou o peche de centrais térmicas que utilicen combustíbeis máis contaminantes, así como do aproveitamento máximo do potencial de aforro e de eficiencia enerxética e do desenvolvemento respectuoso coa natureza das enerxías renovábeis.
FEG