O jazz de Xacobe Martínez Antelo Cuarteto abre o ST Música Presente
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/xacobe_martinez_cuartet.jpg)
Este disco debut explora as diversas vertentes do jazz, desde o free-jazz ao máis clásico, con incursións na parte más melódica do xénero e incluso cunha reinterpretación do pasodobre. O álbum conta con material orixinal composto e arranxado expresamente para unha formación acústica.
Autodidacta activo
Xacobe Martínez Antelo declárase autodidacta activo. Comezou no mundo da música cando contaba 13 anos, e xa leva 21 subíndose aos escenarios. Durante a súa extensa traxectoria profesional participou en proxectos como Clan Moriarty, 3pies, Sumrrá, La Tirana, Cool Hamster, Banda Baliza, Bi, Ulo Trío ou Monkillos, e colaborou tamén con artistas do talle de Narf, Mercedes Peón, Marful, Carlos Blanco, Terela Gradín, Marcelino Galán, S.E.M. Big Band, Imaxina Jazz Orquestra, Uxía…
En 2006 ve a luz o seu primeiro proxecto á fronte do seu Quinteto, Isto é Jazz!!!, e tres anos máis tarde presenta unha nova formación, con traballo discográfico incluído: Xacobe Martínez Antelo Trío. En 2010 continúa co seu proceso de investigación en torno a unha formación especificamente jazzística e forma o grupo Xacobe Martínez Antelo Cuarteto, integrado por dous saxos tenores (Rosolino Marinello e Fernando Sánchez), contrabaixo (o propio Antelo) e batería (Max Gómez).
Promoción e difusión de discos galegos
Promovido pola Agadic, en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), o ciclo ST Música Presente botou a andar en 2010 co obxectivo de ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.
Teñen participado neste programa artistas como Linho do Cuco, Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito Cuarteto, Ophiusa ou Bellón Maceiras Quinteto, Niño y Pistola ou Bruma, entre outros.
As entradas para o concerto de Xacobe Martínez Antelo Cuarteto xa están á venda, ao prezo especial de 5 euros, a través da billeteira electrónica da páxina web www.sientelaunion.es e do teléfono 902 43 44 43. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse o propio mércores a partir das 19.00 horas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia