A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo presentou en Celeiro a súa nova campaña de promoción e difusión do mundo do mar
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/cofradias_pescadores_lugo.jpg)
*Sergio López, Secretario da Federación Provincial de Confrarías: “Empezamos hoxe unha exposición itinerante por 15 concellos da provincia, tanto de costa como de interior. E presentamos a campaña aquí en Celeiro porque queríamos empezar nunha das confrarías da Mariña. As propias confrarías serán as que acollan a exposición, tanto no Vicedo, como en San Cibrao, Foz ou Ribadeo. En Burela coincidirá coa celebración da Feira Expomar, onde estará aberta a exposición. E no resto dos concellos serán as delegacións de cultura locais as que se encarguen de organizar o paso da mostra. O obxectivo da Federación é aportar o noso grao de area para a divulgación e promoción do labor que se está levando a cabo desde as Confrarías de Pescadores dende hai moitos anos.”
*Lino Lema, Xefe de Servicio de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar: “O mundo do mar é un gran descoñecido en Galicia, incluso na mesma costa. Por iso é moi importante desenvolver este tipo de actividades de divulgación, porque, se ben a pesca é unha actividade extratéxica para Galicia, que aporta unha tasa fundamental tanto de produto interior bruto como de emprego, desgraciadamente non participamos intensamente desta actividade. Hai un gran descoñecemento do mundo da pesca e do mundo mariñeiro na poboación galega, sobre todo nas bisbarras do interior”.
“Unha proba de que é un mundo descoñecido é que todos os elementos culturais que teñen que ver coa actividade pesqueira están pouco considerados u moi pocuo protexidos. Por exemplo, no Inventario de Bens Culturais de Galicia, que xestiona a Consellería de Cultura, practicamente non hai nada sobre o mundo do mar”.
“Deberíamos empezar a concienciarnos de que hai moito valor no mundo da pesca. Actividades como esta exposición son unha maneira importante de achegarnos a ese valor, de darlle importancia a esas cousas que temos ao noso lado. Hai que facer coñecer todo este mundo non só á nosa xente, senón tamén a todas as persoas que nos visitan”.
“É vital trasladar a importancia social que ten a actividade do mar, mostrar a profesionalidade das persoas que traballan no sector e concienciarnos de que dispoñemos duns recursos culturais e sociais vinculados á pesca que poden ser moi importantes no futuro”.
A campaña consiste nunha exposición itinerante que percorrerá quince concellos da provincia de Lugo entre os meses de abril e xuño, pasando polos concellos de Viveiro, Xove, San Ciprián, O Vicedo, Foz, Lourenzá, Ribadeo, Mondoñedo, Burela, Chantada, Monforte, Quiroga, Sarria e Vilalba, rematando na cidade de Lugo.
A exposición visitará concellos tanto de costa coma de interior, e vai dirixida ao público en xeral, con especial atención ás visitas concertadas de centros escolares de cada bisbarra. O seu obxectivo é o de difundir o traballo que se realiza nas seis confrarías de pescadores da Mariña de Lugo: coñecer as principais artes de pesca que se empregan, as especies máis características dos nosos portos, as tradicións, oficios e, por suposto, a nosa cultura mariñeira.
A mostra está composta dunha serie de paneis organizados en tres eixes: o traballo no mar, o papel das confrarías na sociedade e o mar e a cultura.
O primeiro bloque trata sobre o traballo no mar e está composto por paneis explicativos acerca dos oficios do mar, as artes de pesca máis utilizadas polos pescadores de Lugo e as principais especies que se pescan nos portos da Mariña.
O segundo bloque trata o papel das confrarías na sociedade e componse de paneis explicativos sobre as confrarías como motor sociocultural, a importancia das mulleres na evolución do sector pesqueiro e a influencia da pesca de baixura no tecido produtivo local.
Finalmente o terceiro bloque aborda o tema do mar e a cultura, expoñendo exemplos da influencia do mar na cultura local e enumerando tanto a variedade de festas mariñeiras como gastronómicas relacionadas co mar que se celebran na provincia de Lugo.
Luis López García (Logaidea Comunicación)