Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Mesa considera que francisco vázquez non actúa como un demócrata

O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, denunciou hoxe que Francisco Vázquez non actúa como un demócrata, porque non cumpre as leis e porque se burla dos Tribunais de Xustiza. Para o dirixente da entidade en defensa do galego, é moi preocupante que os bocazas manden máis que as leis e advertiu de que A Mesa continuará a traballar en defensa da lexislación, o cumprimento das sentenzas e a defensa do pacto social e da convivencia, fronte a intolerancia e as chamadas á confrontación cidadá.

Estas declaracións foron realizadas con motivo da entrega dun documento no Parlamento Galego, por parte dos dirixentes da Mesa, Carlos Callón e María Xosé Jamardo. No escrito solicítase aos grupos parlamentares que se posicionen no relativo á proposta da alcaldía coruñesa de levar a pleno municipal a mudanza do nome da cidade. Esta proposta supón un reto de Francisco Vázquez ao Tribunal Constitucional e ao Tribunal Supremo, os cales sentenciaron que a única denominación oficial da cidade é A Coruña e que o galego debe ser utilizado como lingua cooficial pola Administración municipal coruñesa.

A Mesa demanda que os grupos políticos se posicionen, pois nin o Parlamento galego nin o Goberno poden ficar impasíbeis ante unha vulneración de principios de convivencia sinalados na Constitución e no Estatuto.

Para alén da relevancia simbólica da denominación da cidade, para A Mesa é especialmente preocupante a situación predemocrática que vive a lingua galega no Concello da Coruña. Nesta Administración local, o galego non é utilizado como unha lingua cooficial, e o mesmo alcalde xa declarara hai dous anos que o seu desexo sería que se ilegalizasen o galego, o catalán e o basco.
A Mesa pola Normalización Lingüística