Presentouse un plano do Campo Castelo procedente do Pazo de Tor

Na súa intervención, Antón Bao explicou que “o Pazo de Tor se está convertendo nun fondo importantísimo de descubrimentos históricos, sumando este plano a algúns instrumentos musicais moi valiosos, e agardamos que así continúe sendo”. Lembrou que “a Vicepresidencia Primeira da Deputación realizará un investimento para trasladar o arquivo deste pazo a un lugar óptimo para a súa conservación e estudo”. O Pazo de Tor é un dos edificios singulares que entran no plan de posta en valor dos mesmos que desenvolverá a Área de Cultura: nel acometeranse as obras de iluminación e acondicionamento ambiental dos alpendres, algo que permitirá musealizar estes espazos e trasladar a un deles, os fondos da biblioteca do Pazo. Tamén se acometerán accións de conservación na carpinetería exterior do edificio. Estes alpendres, que xa foran rehabilitados nunha fase anterior, estarán destinados a albergar unha colección de carruaxes e albardeiría existente no Pazo. O investimento total ascenderá a un total de 190.000 €.
O plano atopado e presentado hoxe é, segundo o informe do historiador, “unha mestura de planta e alzado, cuxas medidas a escala seguramente corresponden coa realidade, pero que mostran un descoñecemento por parte do autor da planimetría e da perspectiva, a pesar de ser escultor, o que se observa na representación das amenas ou corpos altos das torres da muralla e na representación dos edificios”. É posible que no arquivo do Pazo de Tor se conserve algunha documentación ou expediente relacionado con este mesmo asunto.
Do autor do plano Agustín Baamonde coñécense varias obras, como o retablo de San Antonio para a súa confraría, fundada no convento de San Francisco, varias imaxe de San Froilán na catedral maila de San Bartolomeu, os oito anxos que sosteñen as lámpadas da capela maior ou a imaxe de San Pedro, e o retablo da capela maior de San Xacinto de Monforte. O documento atopado no Pazo de Tor ten interese histórico dado que nos axuda a comprender mellor o que relata a documentación de diversas épocas.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo