Preséntase unha instalación multimedia sobre Lois Pereiro, autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2011
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/lois_pereiro_horizontal.jpg)
Na súa intervención, o director xeral do Libro celebrou que a decisión de dedicar a Lois Pereiro o Día das Letras Galegas 2011 servise para que a súa “obra extraordinaria” teña xa “un lugar ante o público en xeral, que teñamos a capacidade de amosar nas salas das entidades públicas, nos centros de ensino, nos medios de comunicación e en calquera outro lugar o talento potentísimo” do poeta de Monforte. Neste sentido, Francisco López destacou a capacidade do “gran poeta da Galicia urbana” de explorar “os recantos sórdidos da vida, esa parte da vida que tamén existe e que merece a nosa atención porque tamén nela a palabra se converte en arte, porque moitas veces dos grandes sufrimentos xorde a consciencia, coas súas mensaxes clarísimas, para comprobar que só podemos superar aquilo que vemos”.
Respecto á instalación multimedia sobre o poeta, o director xeral amosouse convencido de que ao propio Pereiro “habíalle parecer o formato máis axeitado para reflectir a súa personalidade”, xa que “coa enfermidade que determinou a súa traxectoria, el sabía que o mundo cambiara radicalmente e creara novos modelos de comunicación e de entendemento; comprendía xa que había outras paisaxes que atender, outras sombras que iluminar, outras alturas de vidro e formigón para darlle abeiro ás tamén novas relacións humanas”. “Desde a Consellería de Cultura e Turismo, presentamos esta mostra como unha invitación a organizarnos sobre a totalidade do que forma Galicia e a súa cultura”, engadiu.
Pola súa parte, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que presentou a mostra interactiva como “un novo exemplo de colaboración institucional”, incidiu no interese desta iniciativa para “axudar a recuperar un tempo e unha xeración de auténtica explosión artística e cultural manifestada de maneira singular na música e na literatura en lingua galega”.
“Se os anos oitenta do pasado século foron un momento especialmente interesante no ámbito social e político”, asegurou o secretario xeral, “non o foron menos no terreo literario, artístico ou audiovisual”. “Un momento de cambio, de experimentación e de apertura a múltiples tendencias e influencias foráneas que tan ben se representou e exemplificou na produción creadora de Lois Pereiro”, afirmou.
Proposta interactiva e dinámica
O proxecto Lois Pereiro nas bibliotecas nodais consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño, que flota horizontalmente sobre unha peana, e un muro vertical con dúas pequenas pantallas incrustadas sobre o que se desprega unha liña temporal coa vida e obra do autor. A pantalla multitáctil de 46” presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta de catro apartados: ‘Fotobiografía’, ‘A voz do poeta’, ‘Xogando coas palabras’ e ‘A música’.
No primeiro termo, ‘Fotobiografía’ convida ao público a coñecer a vida de Lois Pereiro a través do seu álbum fotográfico familiar desde as súas orixes, a vida de neno en Monforte, a súa época en Madrid, as súas viaxes vitais e os seus últimos anos en Galicia. Inclúe ademais un túnel do tempo, onde se pode interactuar con estas imaxes. Ademais de presentar e afondar na súa produción literaria, o interactivo permitirá escoitar ademais ‘A voz do poeta’ no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.
En ‘Xogando coas palabras’ ofrécese un xogo para interactuar cos poemas de Lois Pereiro. A través da pantalla táctil pódense xerar novas palabras e compoñer os poemas de Lois utilizando as axeitadas. ‘A Música’ estará representada por unha selección de versos de Lois musicados por Manu Clavijo como Outro poema de amor e En Leonberg, Alexandro González con Contra a morte o amor que vai comigo, Nación Reixa con Furia, Fanny+Alexander con Postpunkdeirada, e Radio Océano con Narcisismo. Cunha aplicación a modo de picadiscos o visitante poderá escoitar as cancións que elixa, ademais de acceder aos comentarios e crítica musical de cada un dos temas.
O gran muro estático, de 2 metros de alto e 3,5 de ancho, mostra unha liña temporal cos fitos principais da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Dúas pantallas incrustadas no muro exhibirán en continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia