O filme Vilamor presentouse no Museo Provincial de Lugo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/vilamor_pres.jpg)
Na súa intervención, Antón Bao explicou que “a Área de Cultura apoia decididamente o audiovisual galego e tamén este proxecto, xa que ten un importante compoñente cultural e de creación que debe ser apoiado polas institucións”. Explicou que “consideramos que o proxecto da película Vilamor descobre dunha forma literaria unha parte da historia do territorio no que transcorre e, polo tanto, da historia de Lugo”. Manifestou a súa satisfacción xa que “os habitantes da Fonsagrada e de Negueira de Muñiz, onde se desenvolve o filme, son tamén protagonistas da película, e é de agradecer que se impliquen neste tipo de iniciativas, xa que contribúen á prosperidade futura dese territorio ao difundilo e colaborar no desenvolvemento económico do lugar”. O vicepresidente deu os parabéns “a todos os que participan na película, aos habitantes da Fonsagrada, de Negueira de Muñiz e doutras partes da comarca que aparecen no filme, e a Ignacio Vilar por idear este proxecto e convertelo en realidade”.
Pola súa banda, Ignacio Vilar agradeceu o apoio da Vicepresidencia Primeira da Deputación e comentou que “debería haber unha política que protexera máis as creacións cinematográficas de aquí, xa que si o goberno tivera unha política audiovisual axeitada, non necesitaríamos apoios institucionais”. Explicou que “é fundamental aportar a nosa visión, contar as nosas historias… e non perder a ilusión de que a utopía poida chegar a ser realidade”.
Baixo o lema “Soñábamos cun mundo mellor. Decidimos facelo realidade”, os protagonistas da película desenvolven unha historia de ficción inspirada nunha utopía que pode facerse realidade: un mundo mellor, máis xusto, e con máis igualdade (máis información na web da película, www.vilamor.eu) . O filme desenvolvese en galego, respectando as características da fala da montaña de Lugo onde está rodada, e estrearase a finais deste ano.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo