Os mundos máxicos de Cunqueiro, na mostra No niño novo do vento
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/no_nino_novo_do_vento.jpg)
Para Roberto Varela, No niño novo do vento ofrécenos “a oportunidade de explorar as vivencias de Cunqueiro, redescubrilo e decatarnos de que facelo significa percorrer boa parte da cultura galega do pasado século”. En palabras do conselleiro, “cen primaveras transcorreron dende o nacemento do meirande fabulador da nosa literatura, e aínda hoxe a súa obra –xenerosa coma o seu enxeño– continúa a axigantar a figura de Don Álvaro”. “Por fortuna, a herdanza que nos legou Cunqueiro responde ao seu desexo de fornecer á cultura galega cunha forza e unha vitalidade que quizais nin sequera el mesmo podía imaxinar”, engadiu.
O titular de Cultura e Turismo tamén destacou a vinculación de Cunqueiro con Mondoñedo, a súa vila natal, “un lugar ao que nunca se cansou de regresar, malia que a vida se empeñara en levar ao escritor por Santiago, Madrid ou Vigo, el nunca perdeu a conciencia do recanto no que repousaban as súas orixes e o xerme da súa literatura”. Neste sentido, lembrou que Cunqueiro “recoñecía abertamente que –cando menos– un chisco da terra na que se criou se derramaba en cada un dos seus libros”.
Roberto Varela salientou que este 2011 é un ano de efemérides culturais en Galicia, porque ademais dos Cen anos con Álvaro Cunqueiro, celebramos o oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago, o Ano da Música de Galicia e a inauguraron oficial dos dous primeiros edificios da Cidade da Cultura. Para o conselleiro Cultura, “este ano os galegos rendémoslle unha merecida homenaxe ao autor e tamén ao home que fixo da súa vida un compromiso polo progreso da nosa cultura, un mindoniense que conseguiu crear un universo enteiro de fantasía co seu centro en Galicia, un universo único que xa forma parte de todos nós”.
Cen anos dun autor universal
A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes, está composta por 16 paneis nos que se fai un percorrido pola vida e a obra de Álvaro Cunqueiro. En 8 vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena selección da súa obra xornalística, e unha escolma de prensa sobre as distintas etapas da súa vida. As vitrinas compleméntanse cun escollido fondo documental.
A mostra conta ademais cun espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel que recrea o estudio de Cunqueiro con figuras a tamaño natural do mago Merlín, e de Felipe de Amancia, personaxes da súa obra Merlín e familia. No aspecto audiovisual preséntanse distintos documentais sobre o autor, entrevistas e gravacións sobre montaxes de obras teatrais de Cunqueiro. Asemade, hai dous puntos interactivos con información bio-bibliográfica. Esta exposición poderá ser visitada dende hoxe ata o vindeiro 18 de maio no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo, e a continuación percorrerá outras cidades galegas como Santiago, Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia