Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Aumenta un 4000% o valor da produción da agricultura ecolóxica en Galicia

O valor da produción da Agricultura Ecolóxica certificada en Galicia medrou por riba do catro mil por cento (un 4.229%) na última década, segundo os últimos datos deste sector dados a coñecer hoxe en rolda de prensa polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez. No ano 2000 o valor desta produción na nosa Comunidade, controlada polo seu correspondente Consello Regulador, acadaba os 395.816 euros, mentres que no último exercicio de 2010 chegou ata os 17.137.877 de euros.

Segundo explicou o titular de Medio Rural, que estivo acompañado pola directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, e polo presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), José Antonio Fernández, entre o 2009 e o 2010 o incremento da facturación foi do 21,4%, o que representa unha suba de máis de 3 millóns de euros no último ano.

Crecemento sostido

Samuel Juárez salientou o crecemento sostido deste sector nos últimos anos, tanto no que atinxe a superficie cualificada como a produtores e elaboradores. Así, a 31 de marzo de 2011, a superficie inscrita na nosa Comunidade é de 14.434 hectáreas, o que supón un incremento do 1,4% respecto dos datos do peche de 2009.

Canto aos operadores, o número total dos mesmos pasou de 547 en 2009 a 573 en 2010, o que representa un aumento do 4,7%. Os produtores pasaron de 469 a 484 (cun medre do 3,1%), incrementándose tamén a cifra de elaboradores (pasou de 78 a 89, un 14% máis), feito destacable, xa que é fundamental para mellorar a comercialización do produto ecolóxico elaborado.

No gráfico que aparece en arquivo adxunto, amósase a evolución do número de operadores inscritos desde 1997, ano no que se regulou esta produción e se creou o Consello Regulador, diferenciando entre produtores (en azul) e elaboradores (en vermello).

Desde 1997, o número total de operadores pasou de tan só 11 naquel primeiro exercicio aos 573 de 2010, o que supón un medre do 5.109%.

Por tipo de cultivo, a maior parte da superficie inscrita en 2010 (un 90,4%) corresponde a pastos, praderías e forraxes, mentres que un 9,5% son cultivos permanentes e terras arables. Esta distribución da superficie confirma a Galicia como unha Comunidade netamente gandeira, tamén no que atinxe á produción ecolóxica, tendo maior peso a produción animal que a vexetal.

Volume de negocio

Do total dos 17,1 millóns de volume de negocio, o leite e os seus derivados representan a maior parte (cunha facturación de 7,6 millóns de euros); seguido da carne; con 2,6 millóns; o bosque e recollida silvestre (1,6 millóns); os ovos e derivados (1,2 millóns) e as conservas de pescado (1,2 millóns).

Destes produtos, o informe presentado polo titular de Medio Rural salienta o forte incremento das conservas de peixe (un 965% respecto a 2009), tendo este produto unha gran acollida no mercado nacional e europeo. De feito, Galicia é a primeira Comunidade na produción e enlatado de mexillón ecolóxico, destacando tamén a produción sostible de algas.

O leite e os seus derivados, que contan cun gran peso no total da facturación ecolóxica, crecen un 11,6% respecto a 2009, rexistrándose tamén unha suba salientable das castañas e os seus derivados (un 68% máis), así como das carnes de vacún e avícola (un 23,5%) e os viños, sidras e vinagres (preto dun 50% máis de volume de negocio que no pasado exercicio).

Superficie por provincias

Por provincias é Ourense, seguida de Lugo, a que acada unha maior superficie inscrita, con 6.664 e 5.714 hectáreas, respectivamente. Entre as dúas suman o 87% do total. Na Coruña a superficie inscrita é de 1.067 hectáreas e en Pontevedra cífrase en 722.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia