A Deputación amplía o paseo interior da Muralla coa demolición das dúas últimas edificacións anexas ó Pazo

Logo do remate destes traballos, procederase ó acondicionamento da zona que quedará dispoñible como área de paseo ó pé da Muralla. Deste xeito, este espazo pavimentarase con céspede, deixando un paseo en pedra. As edificacións derribadas ocupan unha superficie de 70 metros cadrados.
Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto de peonalización da rúa San Marcos, cuxas obras avanzan a bo ritmo. Precisamente, esta é unha das actuacións máis ambiciosas do Plan Urba, programa cofinanciado nun 70% pola Unión Europea. Para facer esta obra, a Deputación cedeu ó Concello de Lugo a propiedade dos espazos da parte frontal e dos laterais da Muralla para o seu acondicionamento e uso con acceso público. A entidade local responsabilízase do acondicionamento e mantemento.
A intervención que se fará sobre esta zona incluirá ademais da peonalización da rúa, da recuperación e adecuación dos calexóns que conectan San Marcos coa Muralla e da adecuación dos xardíns como zona de estancia dotándoos de mobiliario urbano, axudas económicas por valor de 300.000 euros destinadas a mellorar os locais de negocio da zona.
O Plan Urban permitirá a reactivación do casco histórico. Ten un investimento de 14 millóns de euros, dos que a Deputación aporta 3 millóns ó igual que o Concello e 8 o Ministerio de Administracións Públicas.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo