Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Os XIII Encontros para a Normalización reflexionan sobre o papel dos concellos

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou en Santiago de Compostela na inauguración dos XIII Encontros para a Normalización Lingüística, que nesta edición teñen como un dos seus principais centros de interese o papel dos concellos na promoción do uso do galego.

O secretario xeral, que estivo acompañado polo presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e polo profesor Henrique Monteagudo, coordinador dos encontros, agradeceulle ao CCG a súa implicación e colaboración directa coa Rede de Dinamización Lingüística. “Para a Secretaría Xeral de Política Lingüística –explicou– é moi importante que unha institución como o CCG fose unha das primeiras entidades en adherirse á Rede de Dinamización Lingüística, que puxemos en marcha a Xunta de Galicia coas entidades locais e tamén coas entidades que teñen relación coa lingua galega”.

Neste sentido, o secretario xeral destacou que o CCG “ten moito que achegar á Rede a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), que é un centro de referencia para a planificación lingüística en Galicia”.

Un marco de colaboración estable

Por outra banda, Anxo Lorenzo recordou que, desde o ano pasado, a secretaría xeral e o CCG teñen un marco de colaboración estable en materia de promoción da lingua galega que ata o de agora non fora posible concretar e que se renovará este ano, co fin de colaborar en diversas iniciativas a prol do galego de interese para as dúas partes. “Por iso –dixo–, é un motivo de orgullo poder colaborar no desenvolvemento de iniciativas como este foro para o estudo, a reflexión e o debate sobre a planificación e a promoción da lingua galega”.

Ademais do papel dos concellos na promoción do uso do galego, os XIII Encontros para a Normalización Lingüística abordan, entre hoxe e mañá, a cuestión da lingua como elemento de cohesión social, o uso do galego por parte da mocidade, a dispoñibilidade de recursos para a normalización lingüística, as propostas dos partidos cara ao impulso do galego das administracións locais e a situación do idioma na administración de xustiza, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia