A Fundación Galicia Europa monta un crebacabezas da UE en Lalín

Arredor de 50 nenos dos centros de primaria Sagrado Corazón e Manuel Rivero de Lalín armaron, no pavillón deste último colexio, un crebacabezas de 81 metros cadrados de superficie que representa a UE. Os estudantes, que se dividiron por grupos, foron os responsables de colocar as pezas coa forma dos 27 Estados membros no seu correspondente lugar, compoñendo a xeografía comunitaria.
9 de maio, día de Europa
O próximo luns 9 de maio, Europa conmemora a “Declaración Schuman”, que este ano cumpre o seu 61º aniversario. Este pronunciamento do ministro de Exteriores francés supuxo a pedra angular sobre a que hoxe se asenta a Unión Europea, na que conviven case 500 millóns de cidadáns.
Durante estas datas todos os Estados membros organizan actos cos que achegar o labor das institucións da UE aos seus habitantes e promover así a conciencia europea. Con este mesmo propósito, a Fundación Galicia Europa inicia as celebracións cunha actividade dirixida aos máis pequenos, pois a sensibilización cos asuntos comunitarios desde a infancia é unha ferramenta clave para o fomento do espírito e dos valores europeos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia