O Comité das Rexións da UE apoia o ditame da Xunta
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/comite_rexions_ue.jpg)
Un dos puntos principais é o relativo aos acordos de asociación da UE con terceiros países e á necesidade de respectar as regras básicas dos acordos comerciais da Unión no sentido de non derrogar os requirimentos referidos ás regras de orixe dos produtos provenientes de países socios.
O director xeral solicitou ao Comité das rexións que se estuden os potenciais danos que estas regras poden facer no correcto funcionamento do mercado interior, como é o caso das conservas de atún procedentes de Papúa Nova Guinea, e as posibles vantaxes de cara ao desenvolvemento sostible destes países co impulso dunha produción con orixe exclusivamente local.
Gamallo sinalou que “a Política de Cooperación para o Desenvolvemento non pode servir para amparar prácticas que causen un grave prexuízo a sectores produtivos esenciais dentro da propia UE. Quen se beneficia realmente desa derrogación de normas de orixe, non son os cidadáns de Papúa Nova Guinea, senón as multinacionais tailandesas, filipinas ou mesmo americanas, que conseguen colocar no mercado europeo as súas latas de atún cun arancel cero, o que supón un claro exemplo de “dumping” laboral, económico e ambiental. Iso hai que revisalo”, concluíu o director xeral.
O citado Libro Verde avoga por un maior apoio a un crecemento integrador e a un desenvolvemento sustentable dos países menos desenvolvidos. A elaboración do Ditame sobre o Libro Verde permitiulle a Galicia poñer de relevo o valor engadido que achega a cooperación descentralizada na UE á cooperación que se realiza desde os propios Estados.
O ditame destaca que a política comunitaria de cooperación debe verse como un proceso de mellora constante e permanente, así como rigorosa na defensa dos principios e valores que presiden a Declaración do Milenio de Nacións Unidas: a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto polo medio ambiente e a corresponsabilidade na xestión do desenvolvemento socioeconómico. Por esa razón se defende un crecemento orientado fundamentalmente ao desenvolvemento humano e un esforzo por xerar procesos de ampliación das capacidades, opcións e oportunidades das persoas.
Ó termo do debate o director xeral agradeceu o apoio unánime das rexións e municipios de Europa as súas propostas e sinalou que “agora trátase de traballar nunha nova etapa da Política europea de Cooperación para o Desenvolvemento que poda manter os seu obxectivos a pesar da crise económica. É importante revisar de xeito práctico a eficacia da axuda, medir o seu impacto real na poboacións beneficiarias, acadar fontes de financiamento complementarias e apostar pola especialización e a coherencia das outras políticas da Unión” resumiu o director xeral.
Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 344 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio Presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
A pesar de ser un órgano consultivo, as institucións comunitarias encargadas de lexislar deben consultar obrigatoriamente ao Comité en materias como a cohesión económica e social, o transporte, o emprego, a educación ou a cultura, aínda que tamén pode ser consultado sempre que se estime oportuno. Do mesmo xeito, o elabora ditames por propia iniciativa, o que lle permite tratar calquera asunto que figure na axenda europea. Na actualidade Galicia participa en dúas das seis comisións do Comité das Rexións, na comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Cohesión Territorial (COTER).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia