Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo de Viladonga amosa lousas decoradas de hai 20 séculos

A Consellería de Cultura e Turismo promove no Museo de Viladonga unha exposición titulada “Castros lucenses: investigación e posta en valor”, que exhibe por primeira vez lousas decoradas con diferentes gravados que foron utilizadas hai vinte séculos en elementos construtivos do Castro de Formigueiros (Samos). A mostra estará aberta ata o mes de setembro.

De entre todas as lousas que permanecerán expostas cabe destacar o achado dunha peza que ten gravado un labirinto de once circuítos, o que a converte nun vestixio de gran valor porque é a primeira vez que aparece este motivo pictórico nun contexto tan antigo, datado no século I.

Segundo sinalan os técnicos do Departamento Territorial de Cultura e Turismo, responsables da realización desta mostra xunto co propio Museo de Viladonga, son moi escasos en Europa os casos documentados de labirintos con 11 circunvalacións anteriores aos séculos XI e XII, e ningún é tan antigo como este.

O conxunto está formado por seis pezas. Tres delas son de gran tamaño e a súa disposición, no pavimento do castro, permiten barallar a posibilidade de que formaran parte dun espazo público, como unha praza. Presentan debuxos gravados de peixes e cabalos. A lousa máis grande mide aproximadamente 1,40 metros de longo por 0,50 metros de ancho. Completan a colección tres lousas máis pequenas aparecidas entre os restos das casas do castro, entre as que se conta a peza do labirinto.

A mostra está conformada ademais con paneis fotográficos que permiten apreciar as actuacións realizadas en castros da provincia de Lugo na última década. Así, están representados na exposición o propio Castro de Viladonga, o de Formigueiros, A Coroa de Moreira (A Fonsagrada), o Castro de Ourela (Palas de Rei), o das Grobas (Ribadeo), A Atalaia (Cervo), Saa (A Pastoriza), Fazouro (Foz), Santa María (Cervantes), Zoñán (Mondoñedo), Castromaior (Portomarín), e os castros de Vilar e da Torre (O Courel).

Esta exposición pretende ser unha invitación a visitar e coñecer a cultura castrexa de Lugo, a través dunha serie de emprazamentos que practicamente abranguen toda a provincia. A mostra poderá visitarse en horario de 10.00 a 20.00 horas (en maio e xuño) e de 10.00 a 21.00 (en xullo e agosto).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia