Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Metrópolis abre a segunda edición do (S8)

O (S8) Mostra de Cinema Periférico inaugurará a súa segunda edición o 1 de xuño ás 20:00 h no Teatro Colón da Coruña. Para o evento, proxectarase a versión íntegra e restaurada da obra mestra de Fritz Lang, Metrópolis (1927).

Metrópolis é unha película chave na Historia do Cine. Nesta nova versión o espectador poderá gozar do visionado de vinte minutos que se crían perdidos xa que no seu día foron recortados pola censura norteamericana.

As bobinas foron descubertas en 2008 no Museo do Cine Pablo C. Ducrós Hicken de Bos Aires, na única copia completa que existe a día de hoxe en todo o mundo e que repousaba alí desde 1928.

Os vinte minutos de cinta recuperados testemuñan aínda máis os valores desta obra mestra: a forza da historia de amor, a loita de clases e o erotismo. Valores neutralizados na copia recortada da que dispoñiamos ata o de agora.

Logo de ser sometidos a un impecable proceso de restauración, Metrópolis chega á pantalla do Teatro Colón para ofrecer unha nova dimensión deste clásico da vangarda europea. Ademais, a proxección complétase coa interpretación en directo da súa partitura orixinal interpretada pola Orquestra Filarmónica Cidade de Pontevedra, dirixida por Javier Viceiro.

¿Qué é o (S8)?

O (S8) é un evento cinematográfico internacional que se celebra no Antigo Cárcere Provincial da Coruña do 2 ao 5 de xuño de 2011. A Mostra trae ás nosas pantallas unha estimulante mostra de cine experimental e de vangarda cuxo punto de partida é o Super 8, un formato de referencia na escena audiovisual.


Beatriz Cebas (Jefa de Prensa S8-2ª Mostra de Cinema Periférico)