Comeza a veda do polbo que remata o 4 de xullo

Esta resolución está enmarcada na Orde do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira, que desenvolve o plan para a xestión pesqueira do polbo e establece as condicións para o seu desenvolvemento. Esta orde dispón que “se poderá establecer un período de veda de dous meses no período comprendido entre abril e setembro. Para a súa determinación terase en conta o estado do recurso e a opinión do sector afectado”.
A Consellería do Mar consensuou esta veda a través de varias xuntanzas do director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, con diversos representantes do sector. Mar entende o establecemento dunha veda para o polbo como unha medida que permita obter resultados positivos sobre o estado do recurso, para garantir a protección e rexeneración desta especie. Para iso, a Administración, baseándose en estudos técnicos, considera que a veda debe reforzarse con outras medidas técnicas como a talla mínima, os topes de capturas, o número de nasas e a redución do esforzo a través dun horario de traballo limitado, tal e como se fixo no 2010.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia