Como nos miran presenta fondos da colección permanente do CGAC
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/fundacion_arco_cgac.jpg)
Como nos miran é unha selección de obras que xiran arredor da mirada como elemento nexo de unión entre o suxeito e o obxecto do retrato, entre o artista, o espectador e a representación da figura humana. Os medios que se empregan na mostra son moi diversos, xa que inclúe fotografía, performance, vídeo, pintura e mesmo a escultura. Este proxecto expositivo, que se pode visitar na planta baixa do Centro Galego de Arte Contemporánea, estará aberto ao público ata o vindeiro 18 de outubro.
Entre os artistas que forman parte desta mostra atópanse representantes da nova obxectividade alemá como Thomas Ruff; artistas de performance como Valie Export ou Ulrike Rosenbach, que converteron o propio corpo nunha poderosa arma para rebelarse; ou fotógrafos como Boris Mikhailov ou Sergey Bratkhov, que puxeron o foco nas nefandas consecuencias da desintegración da antiga Unión Soviética.
Mostra multidisciplinar
A exposición, composta por fondos do CGAC e da Colección Fundación Arco, recolle o traballo de 24 artistas internacionais. Así, hai obra de Ana Bella Geiger, artista multidisciplinar brasileira que percorreu ao longo da súa carreira diferentes técnicas como a cartografía, o vídeo ou a instalación para as súas creacións. Tamén se inclúe obra de Anna Maria Maiolino, unha das artistas que se engloban dentro do movemento antropofáxico da vangarda brasileira. O seu traballo, que se centra no corpo e na linguaxe, desenvolveuse a través de múltiples medios como a pintura, a escultura ou a fotografía.
Como nos miran recolle a testemuña da fotógrafa e realizadora experimental Anette Frick e do portugués Artur Barrio, autor de performances, de esculturas con obxectos cotiás e de obras feitas con lixo ou materiais orgánicos. O CGAC tamén acollerá ata o 18 de outubro fotografías de Boris Mikhailov, un dos máis recoñecidos da antiga Unión Soviética, e obra do barcelonés Carlos Pazos, con constantes referencias á infancia e aos tempos pasados.
Na exposición, que se abre hoxe ao público, hai obra de Marie Jo-Lafontaine, que trata nos seus traballos os temas da identidade, mocidade e cultura xuvenil, e de Sergey Bratkov, un artista que se interesa polas persoas, polos lugares e pola transformación que estes sufriron. Outros nomes que forman parte de Como nos miran son o do escultor Stephan Balkenhol, o da artista pioneira en performance e da videoarte Ulrike Rosenbach, ou o de Akram Zaatari.
A tendencia denominada escola da fotografía de rúa tamén ten un oco nesta nova exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea, que contén obra de Beat Streuli, un dos seus máis coñecidos expoñentes. O seu traballo está protagonizado por persoas de diferentes culturas que transitan pola rúa sen saber que están sendo fotografados ou filmados. A nómina de artistas continúa con David Wojnarowicz, que foi pintor, escritor, fotógrafo e cineasta e que creou unha obra que naceu da historia social, da cultura popular e dos seus soños e visións. Nas súas obras mestura texto, pintura, elementos de colaxe e fotografías.
No CGAC tamén poderá contemplarse obra da fotógrafa Gail Thacker e de Jiri David, que centra o seu traballo nos problemas derivados das relacións internacionais, os medios de comunicación, o terrorismo e os dereitos humanos. Como nos miran recolle a obra do tándem artístico formado por Markus Muntean e Adi Rosenblum, que cuestiona nas súas pezas o estereotipo físico e a imaxe que transmiten os medios de comunicación, e a de Regina Silveira, artista brasileira ligada ao conceptualismo e á poesía. Ademais, poderán verse exemplos do traballo do escultor conceptualista Robert Kinmont e de Willie Doherty, creador de vídeos que xeran unha sensación de claustrofobia que foi comparada co cine negro.
Por último, completan a lista de artistas que forman parte da mostra Como nos miran o fotógrafo Thomas Ruff, un dos máis significativos da escola alemá dos noventa, e o leonés Alberto García-Alix, de sona internacional polos seus traballos en brancos e negro e os seus retratos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia