Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia apoia a redución da burocracia en Europa para facilitar a creación de emprego

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, destacou que o Goberno galego apoia a redución da burocracia en Europa co fin de facilitar a creación de emprego. Gamallo participou hoxe na reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións europeo que tivo lugar en Nicosia (Chipre).

Neste encontro aprobáronse dous proxectos de ditame e se debateron outros dous documentos de traballo, e entre as materias tratadas figuran as propostas sobre unha normativa intelixente en Europa e o ditame do CdR sobre a Estratexia europea de dereitos fundamentais.

Sobre a normativa intelixente en Europa, a comisión CIVEX considera que a elaboración das normas debe inspirarse na acción coordinada dos distintos niveis de administración, polo que deberán participar tanto o nivel local e rexional coma o nivel nacional e a UE. O proxecto de ditame reivindica, polo tanto, que a UE teña máis en conta ás administracións locais e rexionais no momento de elaborar novas normas, de avaliar o seu impacto potencial, ou no momento de poñer en práctica as políticas e obxectivos da UE. Ademais o documento propón que se reduza a burocracia e as cargas administrativas tanto para os cidadáns coma para os entes locais e rexionais

No que respecta ao proxecto de ditame sobre a Estratexia europea de dereitos fundamentais debe terse en conta que coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa, a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE ten adquirido carácter vinculante, polo que os dereitos recoñecidos por esta Carta poden facerse valer ante o Tribunal de Xustiza da UE en Luxemburgo. Do mesmo modo, os tribunais nacionais deben tela en conta nas súas resolucións xudiciais. O proxecto de ditame sinala que os novos artigos non supoñen unha ampliación das competencias da UE, debéndose respectar o reparto de competencias entre a UE e los Estados membro. Deste modo, no documento aprobado na comisión CIVEX indicase que os municipios e as rexións son axentes e plataformas idóneas para acercar estes dereitos aos cidadáns e conciencialos sobre os mesmos e igualmente para ofrecer datos sobre as impresións dos cidadáns en relación coa aplicación da Carta dos dereitos fundamentais.

O documento debatido considera, ademais, que a Unión debe dar un exemplo claro e traballar activamente para garantir os dereitos fundamentais e ser un bo modelo para os países do noso entorno que violan os dereitos humanos. En opinión do director xeral de Relacións Exteriores, “o papel dos países da UE non pode ser outro que a defensa do modelo de civilización europea baseada na democracia, o libre mercado e a solidariedade. Europa perde credibilidade en relación con outros grandes actores internacionais si se afasta dos nosos principios e valores e nada xustifica facelo”, rematou o director xeral.

Seminario sobre cidadanía activa

O martes, 7 de xuño, terá lugar o seminario da comisión CIVEX sobre “O papel dos entes locais e rexionais na promoción da cidadanía activa”, que será inaugurado polo Ministro do Interior da República de Chipre, Neoklis Silikiotis, e polo presidente da comisión CIVEX, Luc Van den Brande.

O seminario abordará a promoción da cidadanía da Unión Europea dende o ámbito local e rexional. Tanto o Tratado de Lisboa como a Carta dos Dereitos Fundamentais inciden en fomentar o diálogo entre a sociedade civil e a UE, así como promover unha maior participación cidadá na toma de decisións no ámbito comunitario. Nesta primeira parta da reunión está prevista a participación da Comisión Europea, dun representante do Defensor do pobo e de representantes do CdR e doutras entidades.

A continuación o seminario tratará as experiencias das autoridades rexionais e locais para facer da cidadanía activa unha realidade en todos os niveis de administración. Nesta parte da reunión intervirán representantes do CdR, da Asemblea de Rexións de Europa (ARE) e da Unión de Municipios de Chipre, entre outros.

A próxima reunión da comisión CIVEX terá lugar o 18 de outubro en Bruxelas.

Comisión CIVEX

A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Agrupa desde xaneiro de 2010 ás antigas comisións de RELEX (Relacións Exteriores) e CONST (Asuntos Constitucionais).

A comisión ten competencia en múltiples eidos: espazo de liberdade, seguridade e xustiza, política de inmigración, asilo e visados, Carta de los Dereitos Fundamentais da UE, cidadanía activa, descentralización, gobernanza, mellora e eficiencia lexislativa, aplicación do Tratado da UE, política de veciñanza, Asociación Oriental e política mediterránea da UE, cooperación descentralizada para o desenvolvemento e ampliación.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia