Vigo Transforma presenta a programación de Vasos comunicantes con propostas de arte, ciencia e tecnoloxía
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/vigo_transforma.jpg)
Vasos Comunicantes programará distintas instalacións, performances, proxeccións, talleres e exposicións que completan e estenden a oferta de Vigo Transforma ao cidadán e ao visitante para descubrirlles a intensidade das novas propostas de mozos creadores e artistas e fomentar o intercambio dende a óptica máis libre e aberta ao espectador. Ver, oír, explorar, experimentar e formar parte da capacidade de transformación que achega a inspiración artística.
No campo das instalacións, poderán verse Sonosferas, pensada polo antropólogo e artista sonoro Chiu Longina e que recolle o pulso da cidade mediante un gran “macrófono”. En Waves, o artista Daniel Palacios reúne espazo e imaxe mediante un longo anaco de corda. BlitzTag e Led Throwies son as propostas do colectivo de artistas dixitais Graffiti Research Lab Germany, dedicados a equipar escritores de graffiti, artistas urbanos e manifestantes coas tecnoloxías de código aberto para a comunicación urbana. Por outra banda, estará en Vigo Comecocos Bahía, presentada polo equipo TransBahía Pacman e que consiste na instalación dunha macro-proxección dun videoxogo sobre a fachada do Hotel Baía. En Colectores, varios artistas galegos vinculados á arte urbana, graffiti e mural van intervir dous colectores. Tamén estará en Vigo The Church of the Blind Reverend, de Giles Walker, que estivo a traballar con robots nos últimos 20 anos. Por último, na instalación Amplificador de Segredos os artistas Xulio Lago e Roberto Braña recuperan dous iogures unidos por un fío, pero magnificando a súa escala.
Performances
Vasos Comunicantes acollerá a performance Parkour Sonoro (a cidade como instrumento) do artista MDMME e que consistirá nunha serie de intervencións sonoras espontáneas no espazo público de Vigo. Synthoscope, a cargo do artista Servando Barreiro, consiste nunha performance audiovisual que explora a relación entre as frecuencias de audio e a representación visual desta; mentres que Moita Poesía, Poca Diversión, coas artistas Lucía Aldao e María Lado, pretenden chamar a atención daqueles que miran a poesía de esguello.
Talleres
A iniciativa Vasos Comunicantes do Festival Vigo Transforma 2011 inclúe o Taller de Reciclaxe de Lonas en Marabillosos Obxectos, impartido por Silvia Sánchez en dúas quendas, polas mañás para nenos co Taller Vigotransformers e polas tardes para adolescentes e adultos con Obxectos Vigotransformados. Pola súa banda, Taller de Puredata + Minitronics, impartido por Servando Barreiro, estará orientado a xente con inquietudes artísticas, electrónicas, audiovisuais, e experimentais.
Durante os días que dura a iniciativa, do 23 de xuño ao 2 de xullo, tamén terá lugar a Orquesta Exploratoria: Taller de Son e Espazo Público, impartida por Nacho Muñoz e Carlos Suárez e dirixida a maiores de 14 anos onde se traballan aspectos relacionados co universo da escoita e de son. Pola súa banda, A Rúa é o Terreo de Xogo será impartida por Basurama e nel reflexionarase sobre os usos habituais do espazo urbano, os usos posibles, os mecanismos de transformación do noso ámbito e o enorme potencial da acción directa mediante intervencións lúdicas.
O prazo para inscribirse nos devanditos obradoiros, que serán de dous días de duración, está aberto e as prazas son limitadas.
Proxeccións e exposicións
Esta iniciativa de Vigo Transforma tamén inclúe a proxección da película documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro, de Alexandre Cancelo e Iago Martínez, con posterior coloquio-charla sobre o documental e a figura do poeta. A curtametraxe documental Muro Público, de Pablo Outón, propón unha reflexión en torno ao concepto de propiedade da arte pública a través do apropiacionismo creativo no ámbito urbano. Por último, proxectarase o documental Óscar, de Sergio Morkin, que xira en torno a un emerxente artístico que nace da crítica situación socioeconómica de Arxentina.
No ámbito das exposicións, a Praza da Estrela acollerá o Espazo Containers. No interior un dos dous colectores haberá unha exposición baixo o título Muro público, na que se proxecta a curta documental co mesmo nome e se expoñen distintas fotografías dos murais acabados. No outro colector haberá outra mostra que leva por título Totem Revolotem, organizada por Alg-a e a asociación Amálgama, con obra gráfica de pequeno formato de artistas galegos.
Moda galega
Este ano, dentro da programación de Vasos Comunicantes, destinarase un espazo especial dedicado á moda galega a través das propostas de novos deseñadores. O Desfile de Moda de Mozos Creadores terá lugar o sábado 2 de nullo na Nova Lea do Porto de Vigo. Seleccionaranse as propostas máis creativas de novos deseñadores e proporcionaránselles os medios necesarios para que mostren as súas coleccións. Para participar, todos os interesados deberán enviar un informe a moda@vigotransforma.com coas súas coleccións e un currículo persoal.
Estas intervencións na rúa complementan a segunda edición do Festival Vigo Transforma. A programación musical centrarase nos días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo. Os concertos, ao igual que na primeira edición, compleméntanse cunha programación alternativa centrada en instalacións artísticas repartidas pola cidade. A información sobre a programación pode consultarse na web www.vigotransforma.com.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia